Hipnótico Modiano

Para_que_no_te_pierdas_CobA.inddMiguel Mariño. Confeso que non canso nunca de ler Modiano, que consegue atraparme entre a brétema e o misterio e creo que a novela de 2014 Pour que tu ne te perdes pas dans le quartier, traducido agora para o español por Teresa Gallego Urrutia é unha das súas mellores obras, a perfecta síntese de néboa, limpidez de estilo, “autobiografismo” e epifanía. Un logro non fácil en que xa conseguira obras como Rúa das Tendas Escuras, Tan bos rapaces e A herba das noites. Sei que hai quen se cansa de ler en Modiano, que lles parece a moitos repetitivo, pero ninguén pode negar dous méritos: un estilo propio único e a capacidade de recrear París. Non é pouco para unha cidade descrita miles de veces, pasto e lameiro xa de turistas. Vida en ambiente, vidas perdidas, memoria para revivir, no esforzo de lembranza mellor dende Proust (coincido con Czarny). Chave do tempo, arca da memoria, redacción de todas as vidas, que nunca son banais, aínda que sexan lixeiras e fragmentarias. Pracer de asexar, maxia do detalle, si, eloxio da sombra (Assouline dixit). Conseguir ser diferente sen deixar de ser Modiano.

Un autor solitario entra en contacto cun descoñecido, un nome polo que preguntan abre a fiestra do recordo, da infancia, do escuro. Preguntas, moitas, respostas non tantas. Onde se forxan os soños, na memoria real ou no imaxinario?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *