Un poeta elexíaco e campesiño

Clare antologiapoeticaMiguel Mariño. John Clare (1793-1864) é un poeta presente nalgunhas antoloxías británicas do Romanticismo, aínda que o seu espírito fose nalgúns casos pre-romántico, que tivo defensores ilustres (Dylan Thomas, Ted Hughes), pero que ficou escurecido por Byron, Keats, Shelley, Coleridge, Goldsmith, Wordsworth, Collins, Lamb e ata Southey. Un poeta campesiño non só pola súa humilde orixe senón tamén polo seu amor pola natureza, pola vida do campo, que fóra dese marco se sentiu exiliado e chegaron cinco quilómetros para facerlle sentir que perdera a súa patria. A este exilio interior uniu o desacougo por ser minusvalorado pola orixe social e pola deficiente formación académica, unha vida difícil, un amor fortísimo contrariado, un matrimonio desastroso, a morte de cinco fillos e o desequilibrio mental. O seu editor foi o mesmo có de Keats, Taylor, que corrixiu, en exceso quizais, os seus poemas e que lle conseguiu un relativo éxito entre 1820 (Poemas descritivos da vida e a paisaxe rurais) ata 1835 (A musa rural). Entre esas datas publicou O xograr da vila (1821) e O calendario do pastor (1827). En 1837 internárono nun manicomio, do que escapou en 1841, para ser internado de novo ese mesmo ano. Xa non saíu máis, só cos pés por diante, pois ao morrer en maio de 1864, o seu cadaleito foi levado en tren (nunca viaxara nese medio) ata a súa vila natal. Pero aínda no manicomio seguiu a escribir e o director da institución, William Knight, gardou os textos que escribiu porque os considerou importantes. Sen abandonar o amor á natureza, da que coñecía os duros traballos rurais, a súa poesía vólvese máis introspectiva, máis meditativa, sen por iso incrementar a va retórica, que lle repugnaba, como rexeitaba as citas mitolóxicas de Keats. Os seus temas son os temas eternos: o amor, o eu, a natureza, o exilio. Nunca entendeu a revolución industrial, que converteu os campesiños de vida durísima en obreiros de vida igualmente dura, pero sen o consolo da Natureza.

clarePouco a pouco foi ocupando un lugar no canon da poesía inglesa, pois a Universidade de Oxford editou a súa poesía, en 1997 Thornton editou unha antoloxía en Birmingham e en 2003 o seu biógrafo Bate publicou outra en New York. Agora aparece en español (2014) da man da editorial galega Linteo (que é mágoa que non o edite tamén en galego) e en tradución e edición do profesor Eduardo Sánchez Fernández, bo coñecedor do Romanticismo inglés e póndolle un sinxelo e intelixente prólogo. Ah!, e mesmo en 1989 inscribiuse o nome de Clare no “Rincón dos petas” de Westminster, pero, iso si, no chan.

A sí se ve en español:

Siento que existo –sólo sé que existo/y camino por la tierra desolado y vacío:/esta cárcel terrenal me heló el cuerpo con su copa/de tristeza y destruyó mis pensamientos elevados,/me refugié en la soledad huyendo de la pasión ensoñadora,/pero la lucha me persiguió –sólo sé que existo,/que fui un ser creado en la raza de los hombres/que desprecian los límites del espacio y el tiempo/-un espíritu que podría vagar por tierra/y cielo como un pensamiento sublime,/como si hacedor, trazando la creación, libre-/un alma desencadenada –como la eternidad,/despreciando las vanas y degradantes ataduras terrenelaes./Mas ahora sólo sé que existo –eso es todo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *