Galicia e os galegos na poesía castelá XXV. Gabriel y Galán

gabrielRomán Arén. Foi José Mª Gabriel y Galán un dos máis populares poetas españois nos primeiros anos do século XX, aínda que adoita figurar, pola súa estética, nas antoloxías de poesía da centuria anterior e no grupo dos “poetas dialectais”, con Vicente Medina. O seu éxito de público case até os nosos días non se debe só ao carácter pretendidamente dialectal dos seus textos, senón tamén ao seu carácter cristián e patriarcal, que o fixo moi popular entre o lectorado conservador e non moi esixente en poesía. Ese éxito entre os lectores só se correspondeu entre os críticos máis conservadores a comezos de século (Emilia Pardo Bazán, Zeda), aínda que tamén Unamuno gabou os seus poemas, pero os críticos actuais son moi reticentes co poeta e así Jorge Urrutia considera que confunde “claramente la caridad con la justicia social” e que non cuestiona nunca a estrutura social, o poder ou a propiedade. É verdade, pero tamén o seu amor polos humildes e a súa lingua eran reais e que é un poeta limitado, pero digno. Quizais o mellor de si mesmo deuno na poesía non “dialectal” en libros como Campesinas e Religiosas.

Nacera en Frades de la Sierra, Salamanca, en 1870, foi mestre de escola e faleceu en Guijó de Granadilla, Cáceres, en 1905. En 1902 publicou Castellanas e Extremeñas. Xa póstumo, en 1906, apareceu Religiosas. A Pardo Bazán foi a prologuista do poemario de 1905, e gabou a súa compenetración coa terra, o seu cristianismo non sectario e o seu amor polos humildes. gabriel2Non é a única figura galega que se interesou pola súa figura, xa que Juan Neira Cancela (1849-1909) foi o seu amigo e publicou a Conferencia a la memoria de José María Gabriel y Galán (1905), que pronunciara en Lugo e que relacionou ao salmantino con Lamas Carvajal. Gabriel y Galán dedicara a Neira Cancela o poema, extenso, “Nocturno montañés”, que apareceu en Campesinas, onde un está tentado de identificar a paisaxe cantada con Galicia, aínda que iso non estea no texto. Selecciono dous fragmentos da 28ª edición publicada en Madrid por Afrodisio Aguado na posguerra:

El oro del crepúsculo/se va tornando plata,/y detrás de los abismos que limita/con perfiles ondulantes la montaña/va acostándose la tarde fatigosa,/precursora de una virgen noche cálida;/una noche de opulencias enervantes/y de místicas ternuras abismáticas,/una noche de lujurias en la tierra/por alientos de los cielos depuradas;/una noche de deleites del sentido,/depurado por los ósculos del alma…/Tendido en el lecho húmedo/de hierbas aromáticas,/he bebido la ambrosía de la noche/sobre el lomo de la céltica montaña.

En 1907 Manuel García Barros, Ken Keirades, publicou no xornal <El Estradense> dúas traducións de Gabriel y Galán, “Unha nube” e “Contas do tío Mario”. En 1926 Alfredo García Ramos traduciu un dos poemas máis famosos do salmantino, “O embargo”, que se publicou no número trinta e seis da revista <Nós>. Xa en 1934 Francisca Herrera Garrido traduce “O Cristo de Velázquez” para o xornal <El Compostelano>.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *