Warpaintings: do punk ao pink

scale
Hope, 2013

Lucía Romaní. A artista e arquitecta Elia Nuñez Barez (Ribeira, 1979) introdúcenos a través da exposición Color, colorecolori na súa última aventura vital, froito do traballo realizado no último ano. Warpaintings (pinturas de guerra) é o nome que dá título a unha serie de traballos nos que a cor se converte en elemento detonante e detonador, nunha carga explosiva. Unha evolución do punk ao pink que dá comezo durante a súa estadía en Londres e que é visible en obras como Pink! ou Stop, in the name of love, ambas realizadas en 2012. Manifestacións de cor que alertan de cambios de actitude, concepto e procedemento.

   Para Elia Nuñez a revolución dáse todos os días e tamén pode ser cromática. Un uso consciente da cor, en particular do rosa, como acción e posición, como declaración de amor, pero tamén como protesta. A artista reflexiona sobre as formas de ver e experimentar a vida e as relacións co espectador aplicando a inmediatez das novas tecnoloxías en cada unha das súas series. Imaxes, instantes do cotián ou sinxelos xogos de luz e cor, así como formas e texturas, límites ou fronteiras, son traducidas en pintura dixital a través dunha aplicación informática. Pequenos achados que son fotografados co seu teléfono móbil e convertidos en pinturas de guerra cun simple clic de pantalla.

   A peza Hope, do ano 2013, centra a atención no minúsculo e aparentemente insignificante, un punto de cor, de optimismo, ou dito doutro xeito, unha sinfonía de alento e movemento.

   A exposición, ubicada no Centro Oncolóxico de Galicia, en A Coruña, e que puido ser contemplada durante este mes de xaneiro, nace como aposta, como desexo dunha relación máis real co outro. Un interese que se traslada ao escaparate do espazo de experimentación artística LaSalita en Xixón, onde Presents, exposición que coincide temporalmente coa presente, maniféstase como unha nova fórmula de interacción social. Un número de teléfono escrito sobre a cristaleira exterior da galería permite, a quen o desexe, recibir no seu móbil un warpainting, se previamente enviou un whatsapp a dito número. A obra móstrase desta maneira como un regalo, para os que pasan, circulan, de camiño a outro lugar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *