Canta meiguice!

xabier O Fío de Ariadna. Marzo. FotoXabier L. Marqués. (A Xesús Manuel Valcárcel) A auga que se estanca, como encharcada (non asolagada), e se imaxina océano, ou se finxe escuro mar interior. Auga e pedra, pedra e auga. Pedra engastada, non puída, pedra vella, reberetada de carrizo, pedra amarela, pedra cóncava e grisalla, pedra que amosa fachendosa as súas imperfeccións, pedra de engurras (pero sen dobras, nin pregues…, por seren cousas diferentes porque dependen das marés), pedra bicuda que se asoma ao xeito dos cabezos, pedra que non é aloumiño pero si lene gaduño, pedra burato, pedra gruta, pedra entrañábel, pedra pelve, pedra espazo…, pedra rexa e irta, pedra mol…, pedra poeira, pedra tornasol, pedra carrusel…, pedra remuíño (só de se estar a bañar unha píntega ou un cágado inquedo…), pedra area…, pedra cunca, pedra cápsula…, pedra na que a auga se hospeda, auga na que a pedra se instala e aparece e desaparece, transformada…, pedra orixe e fin das preamares…, pedra beiras, pedra seo líquido, pedra na que non escoa a auga, ou si, pero o tempo traballa quedo, moi quedo, pedra na que as ondas (de habelas… só cando unha folla dentada de castiñeiro divaga ata que reborda a pedra ) non se enxerfan, nin se enxergan… Pedra man. Pedra na que poderían cabalgar veloces aves zancadas coas súas patas aramadas, ou os fráxiles zapateiros (que non fan ondas, senón translúcidas arañeiras, tenues tramadas e requintados ecos…).

Canta meiguice, amigo, canta meiguice!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *