Ulos nosos bosques (II)

emboscadura-jungerGonzalo Trasbach. Aínda que case nas antípodas, pero nesta mesma liña, Ernst Jünger recórdanos que o bosque é un lugar segredo. É o que en alemán se di Heimlich, unha desas palabras cun dobre significado, pero contraposto. Un: fai referencia ao segredo, a aquilo que non se pode confiar. É a morada ben abrigada, o bastión da seguridade (o bosque de Sherwood). Dous: tamén é o recóndito, o agochado, o espazo das cabanas húmidas do medo. Neste sentido acercase ao inquietante e mesmo ao sinistro. Visto así, o bosque é a morada dun perigo aniquilador. Pódese mesmo ver coma a casa dos mutantes ou dos mortos. Mais o autor de La emboscadura tamén nos lembra que a “doutrina do bosque” é moi antiga, tanto coma a historia da humanidade. De feito, constitúe o gran tema dos contos populares, das lendas, dos textos sagrados e dos misterios.

Pero á vez está asociada a determinados graos de comportamento. Neste punto, explica que antigamente “irse ao bosque”era unha práctica que viña ligada á proscrición. Mediante esta acción o proscrito proclamaba a súa vontade de depender da súa propia forza e afirmarse só nela. Facer iso era considerado algo honroso. Naqueles tempos dos nosos antepasados, quen sufría a proscrición era alguén acostumado a pensar por si mesmo, a levar unha vida dura e a actuar de maneira autónoma. En anos posteriores talvez aínda se sentía o suficientemente forte como para tomar en consideración a excomuñón e para ser polos seus propios medios non só un guerreiro, un médico ou xuíz, senón tamén un monxe.

bosque2Mais isto xa non ocorre entre nós, non si? Nas nosas ilustradas e civilizadas sociedades, teñen ou non moita potencia os prexuízos? Somos ou non seres fráxiles e indefensos, pese a toda a información da que dispomos e a todos os coñecementos que almacenamos? Non se basea toda a nosa fortaleza na protección que cremos recibir por parte dos aparellos tecnolóxicos que nos rodean e nos colectivos e construtos nos que estamos inseridos? Andaba ás voltas con estas preguntas, cando me viñeron varias máis á cachola: Existe unha posible relación entre a falta de aprecio á terra e aos bosques e a vergoña que sente unha boa parte da poboación galega con respecto a lingua que falaron os seus antepasados? E será a morte do mundo rural unha perdición clave para explicar a mingua da nosa fala? E se morre unha lingua, non perece con ela o pobo que a falaba? E matar unha lingua, non é matarse un mesmo?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *