Pastor Rodríguez. Basilio Villarino Bermúdez nacera en Noia, no lugar da Toxeira, o 15 de xuño de 1741, estudou na escola de pilotos de Ferrol e partiu para América en 1774 como axudante de piloto da fragata Perpetua. Entre 1778 e 1779 fixo varias expedicións á Patagonia, onde descubriu o golfo de San José, erguendo planos dos lugares explorados e preparando un vocabulario das linguas tehulche e palpa. Xa en 1782 emprendeu a máis importante das súas expedicións, na que chegou ata os Andes e a lagoa Heuchén, marchando logo co superintendente do Río Negro, Juan de la Piedra, a unha viaxe para dominar os indios de Sierra de la Ventana. Nesa loita faleceu o 26 de xaneiro de 1785.
Fixo traballos xeográficos, redactou descricións e diarios dos descubrimentos que realizou, que logo coñecerían unha edición impresa en Bos Aires, en 1837, co título: Diario del piloto de la Real Armada, D. Basilio Villarino, del reconocimiento que hizo del Río Negro, en la costa oriental de Patagonia, el año de 1782. O seu apelido real era Vilariño, pois Villarino era unha castelanización do seu apelido galego, pero aínda así foi a forma castelá a que deu nome a un partido ao sur da provincia de Bos Aires, unha rúa da capital federal arxentina, unha praza no porto de Patagones, unha punta no porto de San Antonio da Patagonia e un peñón no río Limay. O galego Manuel Castro López dedicoulle unha monografía en Bos Aires en 1909, El explorador Villarino, mais tamén o arxentino Raúl Entraigas o estudou en 1960 na obra, El fuerte de río Negro.