Miguel Mariño. E en galego, na nosa poesía, cando aparece o jazz? Non estou seguro, pero hai un pequeno monllo de textos anteriores a 1936, no que o primeiro foi Xulio Sigüenza en 1928 no poemario Cantigas e verbas do ar, onde aparece “Jazz-band”, que une a música anovadora a temas tradicionais galegos: “O mar estrena ista noite/o seu jaz-band, que é noviño,/e pra escoitalo galopa/sobor dos ermos do río.//Baixo a batuta do vento/ceibando as notas de fol,/a gaita gris dos carballos/rola no céspede mol./E agora que sal a lúa/-outro pandeiro trunfal-/as estrelas i-os loceiros/dan aturuxo final”. Jazz e gaita non son incompatibles, o que tamén se verá en “Bood-by, Galicia” de Uxío Montes en Versos a tres cas o neto (1930). En 1929 Roberto Blanco Torres, en Orballo de media noite unirá, non en senso positivo, “Cine. Boxeo.Jazz-band”. Un dos máis notables poemas nosos de preguerra é “Jazzs sonámbulos” de Jesús Bal e Gay, o músico, de 1931, hoxe compilado en Sementeira de ronseis (2000). Xa na posguerra Pimentel cantará o saxofón, e logo virán Manuel Forcadela con “Jazz” en Morte do fadista (2000): “Son negro e toco ás veces nun clube, polas noites./O meu é o saxofón…”; María Xosé Queizán con “Jazz industrial” (2000), Miguel Mato Fondo con “Mud’s singer” (O wiskey na barrica, 2004), onde está a “jam sesión da noite”, María Reigosa cun texto de Poemario inquedante (2005), Manuel Álvarez Torneiro con “A última lección” (Os ángulos da brasa, 2012), Celia Parra en No berce das mareas (2009) e Mercedes Leobalde en Chamádeme Eva (2013). Estou seguro que hai moitos máis versos con jazz, mesmo na preguerra (por exemplo “Romaxe da posguerra” de Blanco Torres). Xa se podería facer unha antoloxía galega, na que estaría tamén Rivas con “Avenida atlántica” de Mohicania (1986) que relaciona o mar co jazz, o único ofrecido en Fruta estraña en galego e na versión castelá de Dolores Vilavedra. E xa que citei a Carmela Kruckenberg, remato con tres versos dedicados a John Coltrane (1926-1967), o mítico saxofonista tamén cantado por jaime Ferrán, Félix Grande, Joan Margarit, Ángeles Mora, Carlos Aganzo, Rafael Calero Palma e David Mayor:
John Coltrane desgrana co saxo
un regueiro de estrelas firentes,
na pel da luminosidade.