O tempo na historia e na literatura (II)

tempo3Antón Riveiro Coello. Outros dos efectos do tempo sobre unha obra é o anacronismo, tanto histórico como lingüístico. O histórico daríase naqueles casos nos que unha indebida información da época nos leva a cometer erros de vulto tales como que os pobos castrexos comían patacas ou que na época de Prisciliano o noso país estaba sementado de millo. Pois ben, estes anacronismos teñen unha importancia moi distinta se falamos da novela histórica ou da obra científica, porque ao escritor de novela poderáselle perdoar este erro sempre que a ambición estética estea por riba dos feitos concretos. Pero para o historiador que cae nestas deficiencias verase esmagado polo rigor, que non lle permitirá estes deslices.

O outro anacronismo, o lingüístico, terá lugar cando se produzan eses desaxustes idiomáticos nas obras que falan do pasado, cando o autor, para que o lector acepte os seus postulados, loita por reflectir o feito histórico situándose nel, decátase de que os personaxes están obrigados a falar nunha escolla idiomática actual. Diante deste problema, hai autores que, cunha voz arcaizante, procuran esa linguaxe coloquial da época na que se desenvolve a narración, o que suscita evidentes perigos literarios até o punto de que os diálogos da idade media poderían ser agora ilexibles para un lector actual. Nestes casos a linguaxe estruturaría a realidade, e, se escribísemos unha novela da conquista, deberiamos alternar voces indíxenas coa linguaxe colonial e católica dos españois, unha empresa terriblemente difícil, e cuns efectos que estarían máis próximos do documento histórico que do literario.

tempo4Víctor Hugo escribía novelas medievais cunha lingua do século XIX e desbotou calquera posibilidade de identificarse lingüisticamente coa época na que se desenvolvía a vida dos seus personaxes. Outro exemplo sería o de Dante que, para se adentrar na idade media, utiliza unha linguaxe da súa época que nada ten que ver coa escolla de Umberto Eco, que pon na voz dun monxe do século XIV unha linguaxe actual, e o curioso é que esta circunstancia non evita que entremos na novela con sensacións de autenticidade porque o autor domina de tal xeito o escenario, os problemas e as ideas da época, que os personaxes insinúan o século cun poder certamente suxestivo e apenas se nota ese espazo de tempo entre a época narrada e a actualidade.

Outra diferenza salientable ten que ver co estilo e coa lingua empregada porque os efectos da forma e da estética non afectan de igual xeito á importancia do documento e á da narración. Por exemplo, un texto medieval penosamente redactado é aceptado pola historia como referente documental e o seu valor é moi superior a unha obra histórica escrita cun estupendo dominio da linguaxe que, non obstante, pode recibir gabanzas pola forma, mais non achega á ciencia unha relevancia referencial. Na literatura a estética e a forma fan case imposible pensar que un texto literario escrito pobremente puidese ter a máis mínima importancia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *