Peixes na terra. Mulleres poetas arredor da Xeración do 27

peces1Elisa Lobeira. Pepa Merlo, unha granadina de 1969, coñecida como autora de contos polo libro sobre a represión franquista sobre as mulleres (El haza de las viudas, 2009), é a responsable da escolma Peces en la tierra (Sevilla, 2010), que reúne vinte poetisas que xiraron arredor dos famosos poetas da Xeración do 27 e que ten o mérito de incluír non só as autoras que todo mundo espera (Rosa Chacel, Concha Méndez, Ernestina de Champourcín, Carmen Conde e Josefina de la Torre) xunto a outras reivindicadas dende non hai moito tempo (Elisabeth Muldes, Lucía Sánchez de Saornil, a mellor das ultraísta) e outras moi esquecidas (Mª Luisa Muñoz, María Cegarra, Marina Romero, Margarita Ferreras). Encomiable labor de visualización, aínda que se lle foi un pouco a man ao incluír a poetas que non están na órbita do 27, senón que pertencen a xeracións anteriores (a posmodernista Pilar de Valderrama) e mesmo xa á xeración do 36 (Josefina Romo, Dolores Catarineu), se ben todas tiñan obra publicada antes de 1936. O nome máis fóra de lugar por idade e calidade é Casilda Antón del Olmet (1871-1961), pois con ese criterio estaba mellor aquí Concha Espina, que foi tamén poeta e mellor que Casilda Antón. Quizais no seu sitio iría mellor Ruth de Velázquez, ultraísta e autora de Sol de la noche (1935).

peces2Non hai ningunha galega e é natural, pois a presenza de poetisas (en galego e en castelán) na Galiza de vangarda é case inexistente e mesmo as poetisas galegas anteriores a 1936 e posteriores a 1916 son ben poucas: a posdecimonónica Francisca Herrera Garrido, a modernista hermina Fariña Cobián, a costumista Carme Prieto Rouco e outra figura menor, Dolores Parga Serrano. Hai algúns nomes en castelán nas revistas galegas de preguerra, pero ou non son propiamente galegas, ou son tradutoras (Mercedes Pimentel). A única muller galega fundamental na vangarda hispánica é Maruja Mallo, unha pintora. E aínda que hai un número significativo de mulleres pintoras en Galicia (A presenza das mulleres pintoras na arte galega 1858-1936), de Fernando Pereira Bueno, 2004, ningunha é propiamente vangardista. Despois de Rosalía, a gran nai, non hai nomes de gran importancia ata a posguerra (Pura Vázquez, Xoana Torres, Luz Pozo).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *