Viaxe á última revolución, de Xerardo AgraFoxo

viaxe-a-ultima-revolucionAntón Riveiro Coello. Trinta días, trinta capítulos, trinta lugares de Cuba compoñen a crónica desta interesantísima viaxe que o autor noiés fixo en solitario pola illa caribeña en novembro de 2014, subido en camións da época de Baptista, ofrecéndonos unha realidade que está fóra dos mapas idealistas e dos circuítos turísticos. Logo de viaxar primeiro polos libros, Xerardo AgraFoxo pasa agora sen facer ruído, fúndese entre as xentes e, con paciencia, vailles gañando a confianza até que botan a lingua a pacer e proxectan parte do fracaso dunha revolución que o tempo lambe coma unha ruína antiga e fermosa. viaje-1Ese é un dos moitos méritos do libro, o xeito como o autor busca nese calendario cotián unha comprensión de Cuba, dos problemas dos seus habitantes para saír adiante, para resolver o día a día e fuxir desa asfixia branda que supón un salario medio de 15 dólares e unha cartilla de racionamento que non abonda máis que para unha semana. Viaxe á última revolución é tamén unha radiografía perfecta de Cuba, un libro emocionante, escrito con oficio e amenidade, e un ten a sensación, mentres pasea por ese desexo colectivo que esmorece, de que o autor “resolveu” a viaxe con nota. Parabéns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *