Mariña Pérez Rei. Ben podería dicirse que a costa galega lle debe á Creación a factura eterna da súa beleza. Que ten que pagar peaxe de por vida. Coma Dorian Grey ante o seu retrato. Ás veces esa débeda maniféstase en forma de menosprezo. Desde Estrabón a Aymeric Picaud. Os galegos somos xente de mal xenio, tribo brava, ásperos e impenetrables coma a nosa paisaxe, dignos dunha eterna evanxe-lización. Tan infinita coma rancia.
Da Pobra faltoulles dicir ademais que é fea, católica e sentimental. Que os seus recunchos son indutores de crimes, aptos para o escurantismo. Outra vez a orografía como soporte metafórico do delito. Houbo moita literatura anterior que se ocupou de tal determinismo ambiental. O tópico di que o ambiente seduce de maneira perversa a quen xa está predestinado ao mal. Mais tal romanticismo nos medios, fóra do seu tempo, non é actual nin casual, discorre desde ben antigo. Ten raíces longas e quen as plantou sabía ben con que bois araba. A ignorancia medra coma a marea e entra nos despachos, nas redaccións, nas páxinas e nas pantallas coma un zoom que furga no íntimo e escaravella na propia estima. Para daquela, o locus amenus xa é un monstro gótico perdido na sociedade da información.
Dixo Otero Pedrayo que a nosa terra naceu para chamar polos peregrinos máis ca polos turistas. Que máis alá da diversión e do folgo convén coñecer un pouco mellor o terreo para ser parte del. Pode ser o peor sitio para desaparecer ou o mellor lugar para atoparse. Entre tanta cartografía mental plana cómpre deixarmos que a paisaxe da Pobra nos acolla, malevolamente hospitalaria, que nos seduza coa vertixe de percorrer devagar o seu aveso trazado natural. Pobre Estrabón?! Canta depravación cabe en nós!
¡¡ Qué bueno !! eso de ” Entre tanta cartografía mental plana “. ¡¡ Fantástico !!
Nos envidian, Mariña, vivimos en el Eden y la envidia es un síntoma de inferioridad . Decía don Jacinto Benavente ” Es tan fea la envidia que siempre anda por el mundo disfrazada, y nunca más odiosa que cuando pretende disfrazarse de justicia.
Bendita tierra la nuestra.
Saludos palmeiráns