Marina Losada. Unha folla arrincada dun caderno ou mellor a envoltura dun caramelo, dálle cor; de non ser cadrada, o mago dóbraa dende un vértice ata acadar o tamaño que desexa e, coa tesoira de aceiro, ben afiada, recorta un triángulo que ao abrir forma cadro; dóbraa polo medio das arestas, míraa e volve dobrala; apértaa con forza; prégaa triangulando cada cuarto sobre si dende o vértice; míraa e aperta con forza; ábrea, obtendo un cadrado máis pequeno; dóbraa polo medio das arestas, deixando as aberturas dentro, e volve dobrala; míraa e aperta con forza; prégaa triangulando cada cuarto sobre si dende o vértice; míraa e aperta con forza, disfrutando cada avance. Xa non é folla, aínda que quixera, agora é forma; levanta o mago moi amodo cada esquina, vencendo a resistencia dos sucos gravados na pel; míraa; abre cada ángulo, cada dobrez… Do estirón calculado obtén unha paxarela; míraa e déixaa na túa man aberta; aberta de abrir, sen ti pedilo.
…a vida puxo tantas veces follas nas túas mans, que esqueces por que fas con elas paxarelas sen que ninguén as pida; tampouco acordas por que as deixas atrás, un presente para os demais, un recordatorio.
…un día fas limpeza no faiado da casa vella, e atopas unha fonte cuberta de po feita con prendedores da roupa e decides quedar con ela; viches como se facía no cuarto, naquel cuarto, e despois fixeches unha tal que esa, só que deixaches que rompese; un único intento e xa ti sabías, sabías de certo, non precisaches nova lección.