Paco Souto. Facer poesía no medio do mar

paco_souto_aelgPilar Sampedro. A finais de marzo, cando a primavera estaba entrando disimuladamente, morreu Paco Souto, no mar da Costa da Morte.

O poeta, autor de As árvores do incesto, Fado, Crebar cristais coa lingua, As horas de María, E alentar na túa rosa e Caín. O poeta que recitaba cada palabra coa voz debida. O poeta que laborou arredor doutros poetas, como en Aviléscanto, co músico Serxio Moreira.

O poeta que traballou na edición (por seguir entre libros… que era o seu) en Toxosoutos, Letras de Cal, Caldeirón e, especialmente, nas Edicións do Dragón, ese monllo de exemplares que eran pezas únicas de traballo cun pintor. Porque el, máis alá de escribir, combinaba artes e movíase entre a pintura, a música e o teatro, a escrita e a edición.

Gustaba o poeta dos libros colectivos, de camiñar ao par de outros. E gustaba de facelo, moitas veces para defender aquilo que está ameazado, como En defensa do Poleiro ou en Versus cianuro. Poemas contra a mina de ouro de Corcoesto. Aí o levaba o seu compromiso co país, para o que creaba e construía vías de protección.

O poeta que nos acompañou un tempo no Barbanza, de Noia e Muros, que camiñou con nós na presentación de libros, e do que seguimos o paso… porque atopalo era sempre unha festa, unha alegría para os afectos, un sentirse acollida calquera que fora o lugar da terra ou o tempo que transcorrese entre un e outro encontro.

paco la voz
Foto: La Voz de Galicia

Os nosos poetas poden ser taberneiros e incluso percebeiros; os nosos concelleiros –cando son de determinado signo– traballan nos oficios máis duros e morren no medio do mar. Igual teriamos que botarlle unha pensada. Igual máis dun que come do común debía ver que fai cada día polo público para merecer un salario. Igual debiamos reflexionar acerca do que está a pasar coa nosa mellor xente… coa que nos ampara no día a día.

Mentres tanto, recibimos abril coa ausencia de Paco Souto, o home do poema e o libro. E dun libro en proxecto A árbore caída recollemos o que declaraba previsiblemente o derradeiro poema:

“Agora

chéganos o estrondo

da derradeira árbore a caer

o precipicio no vento

como unha folla falta de osíxeno

quebrándoche de vez as mans”.

2 comentarios en “Paco Souto. Facer poesía no medio do mar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *