A criada, de Park Chan-Woo

criada1Xerardo AgraFoxo. Esta película está considerada como unha das mellores do cine asiático dos últimos anos. E chéganos da man de Park Chang–Woo, un dos grandes realizadores do cine coreano xunto con Lee Chan–Don (Poetry), Lee Su–Sin (Princesa) e Hong Sang–Soo (Antes si, agora non). A historia de A criada (2016), “multipremiada” en numerosos festivais internacionais, sitúase na Corea dos anos 30, cando o país se atopa baixo a bota nipona. E cóntanos a vida dunha moza, Sookee, que é contratada como asistenta dunha rica muller xaponesa, Hideko, que vive recluída nunha mansión baixo a influencia dun tirano, vello e avarento. En realidade, a moza é utilizada por un estafador que se fai pasar por un nobre xaponés para enganar a Hideko e quedarse coa súa valiosa herdanza.

O argumento presenta ademais unha apaixonante historia de amor, onde destacan as escenas eróticas: imaxes recollidas con delicadeza, pero que reflicten a tensión sexual entre as dúas protagonistas.criada2 Tamén coñecemos as rivalidades entre os coreanos e os xaponeses –antes da Segunda Guerra Mundial– e a loita por sobrevivir nun mundo pechado e cruel, que semella unha gaiola de ferro. O nobelo argumental non é nada convencional porque, ao estar ateigado de enigmas inesperados, personaxes controvertidos e continuos saltos temporais, o contemplamos nun constante estado de desacougo. Un filme lírico e estético, pero só para padais esixentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *