Mariña Pérez Rei. Un esquío xa non pode atravesar a península choutando dunha póla noutra. Se vai por Portugal será devorado polo lume. Pola meseta afociñará nun encoro baldío, nesa estiaxe que denuncia a terra cando cuartea. O desexo é caudal dun pedregal enxoito: cando a ollada vai deshidratada, é sabido que o cerebro induce a sede. Certo que a seca dá medo, pero tampouco imos ver cidades flotantes no medio do océano para fuxir da canícula, como escribiron as voces apocalípticas. Nin Al Gore vai descubrir a camariña nun documental. O protocolo é lento. A deforestación fará de nós un espazo virxe. Para resistir hai que ter botado raíces. Deixarémonos colonizar por especies que habitan desertos. Evitaremos a transpiración; a perda inútil de todo líquido vital. Que os temporais deiten o seu bafo milenario sobre a orixe dos bosques. Se é culpa da salinidade, lamberémonos menos. Seremos duna móbil cando nos sobrevoen aves con desprezo migratorio.. Todo con certa abstracción. Despois de todo, a aridez precisa reflexión. E o noso corpo, hoxe con sarrio, volverá ser atlántico e sensible. Leña seca amoreada sobre os pelouros batidos dun río. Amor serodio e prematuro a un tempo. Hai quen xermola mellor despois de cada incendio. Só é unha hipótese.
Escribes con mucha sensibilidad, Mariña. A pesar de ser un texto duro, morriñoso, a la vez es dulce, agradable y auténtico. Que esa hipótesis sea la acertada para que la tierra germine mejor, y no para que a los interesados en arrasar nuestro medio, les brote el vil metal en los bolsillos.
Un besiño.