Memoria sempre

descargaXosé Manuel Lobato. Acaso, cando non queremos asumir responsabilidades, non é bo ter unha casa en estado ruinoso para culpabilizala de todo aquilo que fixemos. Acaso, non desacouga e doe o feito de esquecer ou mesmo ignorar aquilo de onde vimos. O noso pasado debe de estar e coñecerse no presente para visualizar un futuro sen nubeiros sobre terra queimada. Aí atrás comezou na vila de Rianxo, un Ciclo sobre a memoria histórica, dende novembro e ata maio: diversas actividades e conferencias forman parte deste evento tan necesario. Os actos están organizados pola UNED sénior, aula de Rianxo, coa colaboración do concello rianxeiro.

Varios serán os especialistas que falarán do tema. Destacar, entre outros, a Carlos Cimadevila, Antón Vilariño, Miguel Somoza, Xosé R. Brea, Xosé Luís Axeitos, Xesús Santos, Luís Bará, e o mesmo Bernardo Máiz, que o pasado sábado ofreceu unha conferencia intitulada; Por que se sublevaron os militares no 36. A resistencia popular en Galicia.

O programa remata en maio cunha homenaxe a todas esas mulleres sobre as que se exerceu algún tipo de represalia. Serán lembradas nunha mesa redonda coordinada pola concelleira de cultura, Raquel García, coa participación de Monserrat Fajardo, Fernanda Cedrón e Aurora Marco.

Os tempos son chegados, na hora meiga o medo esvaeceu, nese intre o terror dos vencidos sofre a metamorfose da vida, airear a súa versión dos feitos achega folgos de esperanza. Actuacións e feitos dunha gadaña intransixente e indiscriminada que segaba vidas sen máis motivo que as ideas, envexas ou algo tan irracional como ser dun sangue diferente ou vencellos de nacenza.

Xustiza, Memoria e Verdade, forman a gran ara verbal deste Ciclo, para disertar nos vindeiros meses en Rianxo; tres verbas nunha encrucillada de complexo diagnóstico, mais necesarias, para un tratamento que non debe contemplar o esquecemento.

Ansiosos e seguros agardamos que a liberdade de expresión que debe presidir este Ciclo sexa o estandarte da rigorosidade nun remuíño de argumentos fiables, para que a liberdade de pensamento nunca se coarte por datos erróneos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *