Vertixinosa senda de involución

BF28E8F3_211549Miguel A. Pastrana. A miúdo alúdese á «maltreita saúde do noso planeta» dun xeito, ao meu parecer, un tanto eufemístico e pouco reflexivo que non fai senón afastar-nos aínda máis do necesario e desexable respecto polo medio ambiente. En efecto, este tipo de referencias encerran inquie-tantes paradoxos. Cando menos, resulta insólito, desconcertante e desafortunado que estes asuntos só semellen atinxir a uns poucos concienciados expertos na materia, defensores contra vento e marea de tan inoportuna realidade. Morta a metodoloxía científica e a máis elemental lóxica aristotélica, o infame sumatorio de premisas falsas e hipóteses inverosímiles máis ben resta, o que a cotío desemboca nun xogo recorrente de argumentos, deducións e conclusións pouco fiables e rigorosas, cando non, tan inconexas ou incoherentes que raian o límite do absurdo. En fronte, como en tantos outros ámbitos, grandes inimigos, como o patente descoñecemento ou a perniciosa malicia humana, cando non ambos os dous xuntos; o caso é reincidir torpemente no típico e antrópico autoengano.

Desafortunadamente, non son menores nin inofensivas as consecuencias desta «inxenua e inconsciente actitude kamikaze», xa que adoitan encher o discurso de vulgares lendas urbanas, desviar sibilinamente a atención ou ter un efecto narcótico sobre conciencias vulnerables. Sirva de exemplo a actualidade dos incendios forestais.

En calquera caso, non se nos escapa que tales erros de concepto ou escusas falaces poden erixirse na base da manipulación co propósito de abalar cuestionables fundamentos nunha sorte de corrupto inmobilismo inoperante, que inhibe sistematicamente calquera ínfima posibilidade de eludir ou reconducir a situación e que, casualmente, redundan no egoísta e necio beneficio duns poucos intereses particulares «curtopracistas».

Oídos xordos

Porén, facemos oídos xordos da infinidade de signos, indicios e evidencias científicas que razoable e inequivocamente deberán alertarnos ou, máis alá, ser interpretados en clave de reflexo plausible dunha vertixinosa senda de involución cara á extinción da nosa propia especie.

Neste sentido, segue sendo a intelixencia humana un carácter evolutivo positiva e naturalmente selecionable? Non en vano, semella obvio que multitude de actividades humanas «primeiromundistas» agriden o planeta acelerando o desmantelamento dos ecosistemas terrestres e producindo danos e alteracións irreversibles.

Roto o equilibrio, corremos o serio risco de desencadear procesos de catastróficas consecuencias que sitúen a Terra na desolada dimensión observada no resto dos planetas do Universo coñecido. En consecuencia, obxectivamente, o perigo non ameaza o planeta, nin tan sequera a existencia da gran maioría de especies, senón a viabilidade, supervivencia e supremacía do fráxil Homo sapiens.

De non ser demasiado tarde, urxe interpor un honesto cambio de paradigma que integre o coñecemento cultural multidisciplinar dende unha perspectiva holística e global para construír entre todos un novo legado baseado nun modelo social que vele polo ben común onde primen aqueles principios e valores éticos máis xustos e solidarios no marco dun verdadeiro modelo de desenvolvemento sustentable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *