100 fotografías de Juan Rulfo

image_1165_1_71574Fidel Vidal. Cando unha estudosa e admiradora de Juan Rulfo, Cristina Rivera Garza (autora da extraordinaria e inesquecible novela Ninguén me verá chorar), reivindica un Rulfo menos rural e máis de cidade, o seu Rulfo (Había moita brétema ou fume o non sei que, Random House, Barcelona, 2017) ao comprobar “en varios dos seus escritos o moito que Rulfo padecía e gozaba a Cidade de México, á que chegou como migrante, e como tal creo que o abraiaba e o apesaraba”, pola miña banda teño a ben abrir e repasar o álbum de fotos en branco e negro que o autor mexicano ten publicado. “Juan Rulfo é o mellor fotógrafo que coñecín en Latinoamérica”, dicía Susan Sontag. Con textos de Andrew Dempsey, explorador do arquivo fotográfico de Rulfo, de Daniele De Luigi e Víctor Jiménez, o libro 100 fotografías de Juan Rulfo (Ed. R.M, 2010), pódese resumir coa expresión: “Só son imaxes”. A mesma que evoca o protagonista de Pedro Páramo, cando o espertaron para lle dicir que o seu pai morrera. “Non son recordos. Só son imaxes”, di Pedro Páramo. As imaxes de Rulfo serían “os cimentos sobre os que construíron -ou reconstruíron para Proust- os recordos”. (V. Jiménez)

Se existe unha clave para entender o escritor Juan Rulfo, está “nos tráxicos anos da súa infancia”. “Só coñecín a morte”, afirmaba. O seu pai foi asasinado cando el contaba seis anos. A súa nai, sen recuperarse da traxedia, faleceu catro anos máis tarde. Criouse coa avoa materna en San Gabriel, no estado de Jalisco. A desolación: sombreiros ciscados, zopilotes ao axexo, tendais con roupa branca. Lonxe de ser realista, apunta Augusto Monterroso, “a realidade de Rulfo era fantástica. Nun momento dado, Kafka e Rulfo se daban a man sen que nós, perdidos noutros labirintos, nos déramos de conta”.

casa-en-ruinas-en-actipan-el-fotografo-juan-rulfo-exposicion-museo-amparo-puebla-20170405-113723En 2003 Susan Sontag, a petición de Andrew, aceptou escribir un texto que presentaría esta obra, mais non puido ser debido ao falecemento inesperado no 2004 de Susan Sontag, a quen se lle dedica o álbum. Rulfo desenvolveu dúas actividades creativas en paralelo: a literatura e a fotografía. Dúas manifestacións autónomas coas súas propias e diferenciadas características: “Non é a súa literatura o complemento escrito da súa fotografía, nin a súa fotografía a ilustración da súa literatura”, di Carmen Balcells.

Mesmo fixo amizade con Henri Cartier-Bresson, de quen escribiu unha reveladora crítica. O fotógrafo Héctor García comentando algunhas fotos dicía: “A foto desa orquestra na que non hai músicos, na que o vento é o ceo (…) son nubes fotográficas de orde metafísica”. “Esas néboas entre esas ruínas fálannos do espíritos que habitan eses lugares, esas casas que xa non existen”. Campanarios, torres de igrexa en primeiro plano, igrexas de pano de fondo, ruínas, almas en pena, campesiños apiñados nun camión rumbo a Oaxaca, mulleres descansando, músicos con trombón e tuba, instrumentos musicais abandonados nun baldío, Tlahuitalpec, Clara Aparicio…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *