Eme Cartea. Na butaca, a máis recente obra de Esther F. Carrodeguas, polifacética rianxeira que deambula entre as letras, o audiovisual, o teatro e o activismo cultural. Un libro arraiano onde o código se mantén baixo sospeita. Formalmente, poema gráfico (tipográfico) máis ca visual -caligrama-. Pero, tamén, teatro poético ou poesía dramática intercalada de pausas, silencios e imaxes onde o escatolóxico e o xogo atrapan o espectador nesa conciencia feminina e dorida que esquece. Na orixe, Unha tirada de dados…, de Mallarmé, que inaugura a espacialización do texto, a páxina como espazo plástico, a iconicidade da escritura, ou o contraste das tipografías.
Depuración extrema da linguaxe: substantivos / infinitivos: a «palabra en liberdade» futurista. Unha viaxe á nada: «Esquecer… simplemente ser… e estar». Un libro para ver, ler, oír… e aplaudir.
«Na butaca, fantasía nº 3 en Dor Maior»
Esther F. Carrodeguas
E. Galaxia (Vigo, 2017)