Exposicións en Noia: Axeitos no Liceo

cofPilar Sampedro. Con Axeitos: acuarelas e caricaturas, comezou o verán, de verdade, en Noia. Máis de cen obras entre augadas e caricaturas. Máis de cen persoas na inauguración da exposición que falan da popularidade do pintor, do interese pola súa obra e dos afectos que esperta. Moitos graos de temperatura nunha sala ateigada e moitas miradas pousadas nuns cadros que levabamos anos agardando porque, quen coñece a Axeitos, sabía que un día tiña que sacar á luz toda esa arte que leva acubillando desde que tivo que aparcala para dedicarse á profesión de deseño gráfico e rotulación na que ten demostrado con creces o bo oficio.

Moita satisfacción por recuperar o que son as exposición, eses lugares para gozar da arte e facer dela unha festa, espazos e tempos para reencontrarse cos amigos, cun viño que esperta os sabores da terra, cuns cadros nos que deitar a vista e cunha banda sonora de jazz que deleita os ouvidos, porque esta música veu para quedarse neste país. Como di Sés, e dixera Castelao, temos moito de negros ou periféricos e os seus ritmos fánsenos irmáns; para botóns de mostra os festivais de jazz na estación estival das cidades ou o concerto de Sumrrá coa Real Filharmonía de Galicia.

Nas paredes colga paisaxe urbana e costeira da zona, as rúas pisadas cada día, as praias da infancia… xunto con retratos realizados á acuarela. A augada é a técnica destes anos nos que se preparou a fondo, recobrando a man da arte, esa maneira de plasmar o misterio que toda inspiración encerra. Acuarelas nas que a auga se fai presente, no mar da ría, nos ríos que nos circundan, na chuvia que nos molla. Ao lado, caricaturas realizadas cunha fina liña que nos leva a xogar buscando personaxes máis ou menos coñecidos, personaxes aos que a alma se lles escapa polo buraco polo que miramos os voyeurs. Físicos que traen algo de fábrica e tamén se van construíndo ao longo do tempo, asumindo posturas e deixando conxelados os xestos, corpos e rostros cimentados polo tempo.

Axeitos é un amante da arte e rodeouse dela e dos seus creadores porque non podía vivir afastado desa musa. Agora, asúmea a tempo completo, para compartir ese mundo propio do que apenas nos fora abrindo pequenas xanelas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *