Francisco Ant. Vidal Blanco. Xa sabedes a historia de Narciso, aquel namorado de si mesmo que de tanto amor que se tiña morreu afogado. Desde aquela, todos os narcisos de adxectivo (que non de nome) foron sinalados como egoístas, insolidarios, presumidos ou vaidosos, entre outras moitas cousas. E este narcisismo despectivo nos varóns converte en presumidas ás mulleres, e se aquel é rexeitable estoutro ata é estimado. Outra discriminación por sexo que non sei que ten de bo. Aínda así preocupámonos por educar a nenos e nenas lonxe da tentación de orgullo e soberbia que arrastra aquel do mito, a pesar de que logo os metemos en competicións de todo tipo para demostrar que os nosos son os máis guapos e listos da súa quinta, aínda a pesar de que, como bos pais, predicamos aos catro ventos que nada hai máis lonxe das nosas intencións ca provocar a rivalidade de misses e místeres, porque con ela vai implícita a envexa, o egoísmo e o malquerer que queremos arredar dos homes e das mulleres do noso relevo xeracional. Pero a verdade é que se o mitolóxico se pasou de ególatra, un pouco de enfeite non queda
Tampouco nos preocupa que os espellos da casa estean enmarcados con frascos e tubos con todo tipo de cremas, que máis que para o aseo persoal serven para fascinar, para executar ese pecado venial de vaidade e presunción sen a advertencia de perigo, «arrédese do alcance dos cativos», e ata nos fai graza o neno traxado e engomado ou a nena de beizos emboutados de vermello. Quen non enzoufou a cara imberbe coa escuma de afeitar de seu pai?.
Mais con todos os defectos que lle queiramos ver, o narcisismo, cando non é esaxerado, ata queda ben e pode ser unha virtude, pois ao lado diso que semella pecado de soberbia aparecen esoutros aspectos que converten a autofilia na virtude das persoas abocadas ao éxito social, con seguridade en si mesmos, autoestima e certo afán de superación que as leva a triunfar tanto na escola como no traballo ou na relación de parella. Moitas veces porque tamén saben agochar os fracasos mellor ca ninguén. E así o demostraron na Universidade de Belfast tras tomar mostras en distintos países e entre distintas persoas, estudantes sobre todo, entre os que os narcisistas, aínda demostrando que non eran os máis intelixentes do grupo, si foron os máis seguros á hora de resolver algún dos conflitos presentados, chegando a superar a outros que de partida estaban mellor preparados, e todo grazas á súa perseveranza.
E é que, sen confundir ao narcisista co esforzado nin ao teimudo co ególatra, visto polo miúdo, calquera que sexa quen de contemplarse reflexivamente, xa sexa corrixindo engurras ou retocando pensamentos, sempre terá ideas máis sólidas que o descoidado a quen todo lle dá igual, o cal vén sendo o primeiro paso para sentirse seguro, arredar a vergoña e botarlle cara. E iso enténdese que é o secreto que está detrás do éxito. De feito, acaban asegurando os investigadores que lle dedicaron tempo e paciencia a estudar as virtudes do narcisismo, que se non fose por esa antiga crenza que os sinala como presumidos e presuntuosos, demasiado preocupados dos enfeites e das modas, nos tests de admisión ás distintas facetas da vida, esa tacha sería un valor engadido, dada a forte personalidade con que se engalanan, por non se deixar intimidar doadamente, por non rexeitar os desafíos e aínda por crecerse diante das adversidades.