Noia, refuxio de Berenguel de Landoira

Foto: Marcos Creo
Foto: Marcos Creo

Xerardo AgraFoxo. Cando morreu no ano 1316 o arcebispo Rodrigo de Padrón, os enfronta-mentos entre os burgueses e o cabido compostelán para nomear o seu sucesor trouxeron conse-cuencias insospeitadas. Entre os candidatos que se presentaron para sucedelo, o cabido escolleu dous: Rodrigo Ianes de Parada, sobriño do prelado anterior, e Afonso Iañes, xuíz de Luou.

A discordia medrou cando o papa Xoán XXII tomou unha decisión audaz. O 15 de xullo de 1317 elixiu como novo arcebispo a Berenguel de Landoira, un francés de 55 anos. Tería que enfrontarse con catro grandes problemas: a súa orixe francesa; a oposición dos burgueses do Locus Sancti que viron ferido o seu afán autonomista; a desconformidade dos campesiños exhaustos pola política fiscal da Mitra; e a desaparición da casa condal de Traba, o cumio máis elevado do poder feudal, que lles asegurara aos prelados a obediencia da nobreza galega.

Un problema particular prendería a chama dunha situación insostible: o arcediago de Nendos, Rodrigo de Ianes, concedéralle a Alonso Suárez de Deza -meiriño do infante Don Filipe- a fortaleza da catedral, os tesouros e ofrendas do altar e os castelos da Mitra, baixo o xuramento de devolvelos cando os reclamase o novo arcebispo.

Once meses despois, o 3 de maio de 1318, Berenguel de Landoira saíu rumbo a Santiago de Compostela. No seu séquito contaba con Bernardus Carrerus e Hugo de Vezin, dous frades dominicos; Aimerico de Anteiac, organizador da administración eclesiástica; Juan Fabre, experto en finanzas; e un fato de cabaleiros e oficiais encargados de conducir as súas milicias e despachar os seus asuntos domésticos. En Valladolid foi recibido polo rei Afonso XI e súa avoa, a raíña María de Molina. A intención dela era conseguir a participación pontificia na Cruzada contra os árabes, a cambio de despensas por matrimonios irregulares e de parentes reais e a posibilidade de indulxencias para cantos cristiáns participasen na empresa bélica contra os sarracenos.

Nesta comprometida situación, vendo o arcebispo que tiña pechadas as portas da cidade de Santiago, decidiu refuxiarse no Castelo da Rocha Forte. Dende aquí viaxou ata a fortaleza da Rocha Branca (Padrón), Pontevedra e Portugal, onde buscou a mediación do rei Dionís. Mentres tanto, os burgueses do Locus Sancti, apoiados polo cabaleiro Alonso Suárez de Deza, prendéronlle lume ós pazos arcebispais.

Cando regresaba da súa expedición tras a raia do Miño, Berenguel de Landoira caeu nunha emboscada preparada polos seus inimigos. Estivo encerrado 12 días nas celas da catedral de Santiago. Para sobrevivir durante o cativerio, mesmo se viu na obriga de matar un cabalo e comer a súa carne. Uns meses máis tarde desta celada, refuxiouse en Noia.

Un comentario en “Noia, refuxio de Berenguel de Landoira

  1. Bos días Xerardo:
    Interesantísima entrada. Con la iglesia hemos topado…
    Es de suponer que Berenguel de Landoira, en Noia sería bien recibido aunque no tuviera las comodidades de las que disfrutan ahora en Castel Gandolfo, es posible que allí también coman de vez en cuando carne de caballo pero, no precisamente para sobrevivir.
    Besiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *