Miradas poéticas a carón dos camiños de Santiago

BS28C2F4_204928Pedro García Vidal. Pío Costa (Noia, 1952) achegou este verán ata o Liceo noiés a súa particular e orixinal mirada poética sobre espazos e arquitecturas que habitan os diferentes camiños a Compostela. Trátase dun conxunto vario de cadros realizados en plein air ou pintura ao aire libre, todos eles impregnados de aire e de luz.

O artista noiés sae aos «camiños» a percibir no espazo urbano, obxecto de consumo e espectáculo, imaxes de significados poéticos e de cualidades estéticas transformadas en paisaxes.

Pío contempla o espazo construído, atrapa o instante, o ambiente, e de xeito especial a luz tras da que se agocha a cerna dos lugares históricos que teñen baixo súa séculos de misterio, e sabe captar e transmitir ao resto da sociedade os seus aspectos máis íntimos e profundos: a alma da cidade, a forza creadora dunha sociedade que aparece así reflectida no lenzo.

Intérprete das cores e da luz, Pío logra levar ao cadro esa vibración cálida de ambientes e espazos nun estudado equilibrio, mediante delicados efectos cromáticos da irrealidade en ocres e azuis. Traballa as posibilidades da materia cunha mirada propia, onde o contraste cromático define unha pegada pictórica que alterna o esvaecido e degradado de cor sobre o que se mostran e sobrepoñen, pero non fan desaparecer a figura. Así, tras unha particular referencia de realidade, unha calculada ambigüidade flúe das teas. Elegancia, orixinalidade e bo gusto na mestura da cor fan da súa obra unha creación poética cunha atmosfera propia que a fai recoñecible.

«O mundo existe porque o podemos ver e sentir, e a arte xoga un papel importante na forma como o valoramos, porque inflúe na nosa receptividade e modela nosa visión», dinos Moya Pellitero (2011: 79). A pintura, como unha desas artes, revélase como un poderoso instrumento que chega ás mentes e corazóns de outras persoas, sen ningunha preparación previa, para tocar os resortes sensibles que activan as emocións.

Gocemos pois destas miradas interesadas a carón dos camiños a Santiago do artista Pío Costa, e deixémonos levar por esa axeitada comuñón de luz e cor que achega cada obra a unha composición poética, pois transmite os valores sensoriais do espazo máis alá dun puro elemento físico, dirixida a conmover o espectador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *