Andrea Sanjurjo Martínez. Abril corría ceibe, ceibe coma endexamais o imaxinara. Xa sentía nos poros o doce sabor das nubes, abríase ante ela un novo mundo, cantaba xovial o depenicar das fervenzas encantadas. As plantas acariñábanlle entón as dedas e o sol quecía lene unha caluga inocente que agora recendía a vida, non moito antes infindamente asustada.
Xa algo cansa, decidiu apoiarse nun tronco. Alí reinaba o perfume das flores e envolvíaa a aura da máis tenra ataraxia. Pasou a eternidade escoitando o seu canto. Todo se erixía de novo resplandecente. Xa non existía o espanto.
De súpeto, escoitouse un grande estrondo. O ceo comezou a tinguirse dun negror intenso. As plantas muchaban, os paxaros caían pavorosos, e de socate, o vento arrincou a árbore que lle daba sombra dunha abatanada.
Trémula, espertou. Como imaxinara, eran seus pais berrando. Non sabía cando caera sobre ela aquel pesadelo, non sabía se podería soportalo e, sobre todo, non sabía se podería cambiar algo.
En desespero, suspirou, acendeu a luz e, obviando dúas sutís bágoas que descendían silandeiras as súas meixelas, decidiu ir facer algo.
Na cociña, dúas almas agardaban. Unha, aterrorizada, a súa morte. Outra, a súa autodestrución.
–Nunca máis! Sae da miña casa agora mesmo e nin penses voltar! –berraba súa mai entre bágoas.
–Xamais! Tola! No manicomio tiñas que estar! –voceou o home golpeándoa contra a parede e coa voz distorsionada polos efectos do alcohol.
–Cantas horas, cantos días, cantos anos pasaredes repetindo esta estúpida escena? –dixo unha voz, irrompendo o estrépito daquel atroz silencio.
–Abril, larga para a túa habitación agora mesmo! Ti aquí non pintas nada! Ti non entendes nada nena merdenta!
–Non penso moverme de aquí ate que me expliquedes de que vai todo este boureo. Son eu a nena? (intentando ocultar as bágoas que brotaban sangrantes de verdade das súas concas baldeiras).
–Nesta casa fas o que eu che diga e nin se che ocorra volver replicarme!
–Non!
O ogro apancouna con moita forza (mentres súa mai caía rendida no chan e rompía finalmente a chorar) e golpeouna repetidamente sen sinal ningún de compaixón. O sangue comezou a brotar esvaradío das súas orellas. O probe anxo desalado non volveu aturrar.
Cesou o tormento e o paraíso dos seus soños refulxe agora anovado no escarlata do seu sangue. Agora Abril elévase cara ao lugar onde sempre quixo estar, onde sucumbe o veleno da materialidade e a arte aflora o seu xerme. Agora, Abril é libre. Xamais vos descoidedes. E ante a impotencia, berrade!