Sitges

801924-600-338Oliveira Casal. Sitges, o Festival Internacional de Cinema Fantàstic de Catalunya, foi sempre un obxecto de desexo cinéfilo para min. Até este ano nunca puidera saciar a miña ansia en augas de celuloide mediterráneas. Todo acompañou para facer da viaxe unha burbulla de perfección paralela. A choiva e o vento apareceron na xornada do sábado, a da entrega de premios, e comezaron a arremeter con afán tempestuoso na viaxe nocturna de volta en avión. Ata aí, calor, mar e ducias de boas películas de xénero.

Esta foi a edición do cincuentenario de 2001: Unha Odisea no Espazo. Tamén será recordado coma o ano que viñeron Shyamalan ou o xornaleiro Nicolas Cage, e pola desventurada presenza dun “director” galego. Non falo do monfortino Dani de la Torre, que presentou A sombra da lei inaugurando Órbita, unha nova sección paralela. Para twiteiros e seguidores adolescentes de youtubers, a suposta performance de Isamel Prego, Wismichu, é a que cartografou Sitges no atlas multimedia da mocidade.

Este rapaz conta con case oito millóns de seguidores. Dise axiña. No seu canal publicitou a súa primeira película, “Bocadillo”, colgando un teaser en absoluto prometedor en canto a orixinalidade e valor artístico. Chama a atención que como reclamo elixira unha ilustración do mito da caverna de Platón na que sobreimpresionou o logo do festival e o título deste filme pantasma. Noventa minutos de repetición en bucle dunha escena de tres minutos, con microfílmicas variacións de vestiario ou actores, nas que varios youtubers piden un bocadillo vexetal, sen atún e sen carne. Broma, farsa, burla, troleo nun xardín de infancia A polémica estaba servida, o enfado dos fans que pagaran entrada e abarrotaban a sala Retiro mudou en enfado e gritos de esixencia da devolución dos cartos. Obxectivo cumprido para o “realizador”.

O urinario de Duchamp e as latas Campbell´s daquel enfant terrible de Pittsburgh non son coartada para grileiros crimes deste calibre. Menos mal que apareceu por alí Ed Harris, quitou o sombreiro con igual elegancia que en Appaloosa e sorriu á prensa. Chegaban desde o auditorio do Meliá os desacougantes sons electrónicos do septuaxenario e xenial John Carpenter, probando os sintetizadores para o concerto do día seguinte. Sitges, exemplo de auténtica independencia, fantástico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *