O poeta e a mosca

juan-moscaDomingo Regueira. Polas húmidas corredoiras, a imprecisas zancadas, o poeta semella cabalgar sobre colchóns de carrupa, debuxándose no contraluz coma un espavento.

Co lapis nunha man e o bloque noutra, os aterrados transeúntes estámpanse contra a parede para que non lles arranque un ollo.

As terreñas tabernas foron quedando por debaixo da rúa. Máis que tabernas parecen bodegas de galeóns barrocos.

O poeta baixa esvarando polos chanzos romos freando coa perna dereita e corrixe o equilibrio coa esquerda.

A clientela, non afeita a estas irrupcións, aguantando o alento e o viño na gorxa, queda pasmada coa súbita aparición.

Todo un número de excitación funambulesca.

Instalado o escritorio na tapa do barril, o poeta, alleo á expectación, reclámalle cun tango unha cunca de viño ao taberneiro:

–“Tabernero, que idiotizas con tu brebaje de fuego, sigue llenando mi copa con tu maldito veneno…”.

Unha mosca espernexa patas arriba. O poeta, ao vela, cóbrea coa man do lapis para que o taberneiro non a descubra.

O Carrancholas, co trapo de matar as moscas ao lombo, a cunca na esquerda e a xerra de garnacha na dereita, vértelle o zume asasino ao bardo, mentres rosma:

–Grazas a estes viñasos puidemos libramos da escravitude romana con tanta ponte, acuedutos, minerías e calzadas interminables.

E o poeta de mancebías, tascas e psiquiátricos, brinda con outra estofa:

–“Yo quiero matar el alma que idiotiza mi cerebro, muchos se embriagan con vino y otros se embriagan con besos…”.

E aló vai o cantineiro cheo de satisfacción cara ao seu púlpito.

O poeta cata o zume hipocrene inspirador de linguaxes arcanas. Despegado o perigo, pregúntalle polo baixiño á mosca:

–Que fas aí…? Levántate…! De que unha te libraches!

A mosca non era capaz de erguerse. Algo lle pasaba. O Verlaine porteño púxolle a punta do lapis nas patas e a mosca puido levantarse. E coa mesma, o díptero arrancou nunha marcha fungona… e pum…!,  estrelouse contra o cristal da fiestra caendo conmocionada na rede da araña vampiresa que dominaba a vidreira.

O bardo ve o impacto e, coa escudela na man, corre en auxilio da accidentada.

A “viúva negra” pon as gafas e disponse ávida a saír na procura da vítima, pero o poeta, que sabía das súas perversas artes, molla o dedo na cunca do tinto e déixalle caer a gota no lombo, que a descontrola.

Vólvelle poñer o lapis á accidentada, que xa empezaba a recuperarse, e a pobre díptera, como pode, abrazase frouxa, laxa e feble ao grafito, que o poeta leva suavemente cara á porta, e a socorrida, absorta, mirando para atrás, arranca en primeira planeando pola sombría corredoira.

O porteño remata o acto con esta nova estrofa:

“Todos los que son borrachos, no es por el gusto de serlos, sólo Dios conoce el alma que palpita en cada cuerpo”.

O bardo sorbe a conca e percibe na baixada a gratificación cósmica da nobreza panteísta.

Nota:

As estrofas do tango son do bonaerense Raúl Costa Oliveri.

2 comentarios en “O poeta e a mosca

  1. Admirada veciña:
    Non sei como das para tanto.

    Si Café Barbantia tivese que elixir un participante de honor na súa promoción cultural, non hai dubida que este galardón sería para ti.

    Espero que axiña os organizadores convoquen a unha xuntanza onde os escribidores nesta axenda cibernética, nos podamos reunir para intercambiar uns cuantos ramallazos de sándalo, fiúncho, herba luisa e ruda, que soen dar certo pracer e alegría o gremio dos mudos que dende este perpetuo confinamento nos manifestamos nesta xenerosa páxina que o “Café” nos brinda co seu discreto e sacrificado director.

    Dende o Eitón, unha aperta querida Magda.

  2. ¡ Ai, como me gustou, noso Mingucho ! Que ben referido che quedou o episodio do funambulesco bardo protexendo ao díptero do arácnido e do trapo do Carrancholas. O teu poeta de lapis e de bloque, fíxome rememorar ó borracho das festas de Corrubedo. Éste non sei si era poeta – nono creo – nin sequera se era siareiro de lupanares e psiquiátricos. Do que sí parecía un bo cliente era das tascas, e tamén que lle gustaba percibir pola baixada da gorxa esas “gratificacións cósmicas de nobreza panteísticas” o mesmo có poeta do teu relato.
    O home de Corrubedo topámolo cando íamos de volta para a casa despóis de ver os fogos. Os seus andares parecían as ondiñas do mar: un paso para diente e outro para atrás. O pobre home si que necesitaba un colchón de caropa ou carroupa coma os que semellaba pisar o teu protagonista. Eu quedei mirando para el, e levantando o dedo índice e movéndoo de diante para atrás, díxome cunha voz desentonada e gangosa: “Xa sei que estou borracho”. Puxen a man diante da boca agochando a miña hilaridade pola sua “cordura” e seguimos para diante. Non déramos una ducia de pasos cando sentimos o topetazo do morrón que levou, non solamente polo seu mal estado, senón tamén por culpa da desidia municipal por non cumprir ca obriga de limpar aquela morea de lixo na que repousou a ebria humanidade daquel home de Corrubedo.
    Alertada polos vecinos ao pouco chegou a muller que o levou en volandas. Non creo que saíra tan ben parado como saíu a mosca da “viúva negra”.
    Biquiños, noso Mingucho. Un gustazo contar contigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>