As neves de antano, de Pascal Quignard

unnamedFidel Vidal. Cando deixa de haber guerras? O Orleanesado ocupárono os celtas, os xermanos, os romanos (…), os vándalos, os alanos, os francos, os normandos, os ingleses, os alemáns, os americanos”. Así comeza As neves de antano (A ocupación americana), de Pascal Quignard (Círculo de lectores, 1997), nunha prosa exquisita e pulcra, na que navegan á par datas históricas e vidas íntimas. Vai de amores de mocidade, de frustracións, de confrontacións e de mudanzas. Da emancipación de Patrick Carrion, un turiferario con aspiracións a batería de banda de jazz da súa vila natal, Meung-sur-Loire, na que tamén vive a súa namorada Marie-José Vire. Todo acontece durante a ocupación americana, situación que vai transformar os gustos e os valores dunha sociedade. Mesmo o esforzo de falar inglés, un “inglés macarrónico”.

Aos dezasete anos Patrick ficou sorprendido ter saído da infancia. “Foi un descubrimento”. “Todo se volveu linguaxe” (p. 41). Na base americana descubre o jazz: “Nunca imaxinara que a música puidera ser iso: unha tristeza feita corpo, un vínculo inmediato que asociaba no acto os que tocaban e os que escoitaban, como se formaran parte dun só corpo” (…) “unha forma de vivir máis intensa” (p. 46). Entón entran en xogo a moza Trudy e o sarxento Wilbur a interferiren na relación de Marie-José e Patrick. Este falando dos grandes temas “durante horas”: “o mal, Deus, o amor, a paz, o romanticismo, a bondade”, e Marie-José -en contra dos exames finais-, de “vivir a vida”: “Quero unha vida, non unha nota”. Trudy trae de América os seus cantantes favoritos, Buddy Holly, Elvis Presley, Paul Anka; e Wilbur ofrece cartóns de tabaco e pezas para ir montando unha boa batería.

Son os comezos da droga, cando ninguén sabía que é a droga (p. 55) e da aparición de novos apóstolos, Charlie Parker, Miles Davis; dos cigarros con filtro, Chesterfield, Vice-Roy, Lucky Strik, L.M.; dos primeiros televisores con pantallas raiadas. “Por primeira vez uns mercaderes disfrazados de militares falábanlle á terra enteira. Era a derradeira invasión” (p.66). A vila de Meung cítase nas guías turísticas por tres lugares que hai que visitar: “a casa na que o poeta escribiu O poema da Rosa, a ponte que Juana de Arco volveu arrebatarlle ao exército inglés, e o cárcere onde estivo encerrado François Villon” (p. 53), un bohemio do século XV que conta coa honra de ser considerado como o primeiro poeta maldito. “Villon, Rimbaud, Faulkner, protexíanse: era a mesma revolución interior” (p.87). Si, si, pero, “os alemáns, os americanos, os rusos, é moito para un pobo tan pequeno”, quéixase o tío Vire (p. 121).

???????????????????????????????A paixón polo jazz de Patrick choca coas ideas do seu pai. “Existen outras músicas na terra. Existe O Mesías de Haendel. Existe Camille Saint-Säens. Existe o canto dos paxaros”, comenta o pai. Patrick responde: “Papá, eu non son ti” (p. 70). Velaquí a pregunta:“Por que aprenderon a lingua do ocupante, por que se afixeron aos seus valores, por que adoptaron os seus gustos, o seu cine, os seus libros, a súa música?” (p.106). Un compoñente do grupo, ”Rydell” -como esixía que o chamasen, á americana-, pianista e primeiro en drogarse, chegou coñecelos ben. Un día, bébedo, voceaba: “Me cago na conquista do Oeste. Me cago na bomba LittleBoy, nos Ford, nos Chevrolet, no racismo, en Wall Street, nos edificios de moitos pisos” (p. 106). Onde están as neves de antano? “Hai outras músicas ademais desas que se cren que están vivas, dixo o seu pai amosando unha fotografía de Juan Sebastian Bach”. ”Os mortos non me interesan, replicou Patrick” (p. 147). En canto cumpre os dezaoito anos P. C. marcha de Meung ao mesmo tempo que os americanos levantaban a base. 

4 comentarios en “As neves de antano, de Pascal Quignard

  1. No he leído nada de Quignard, pero voy a curiosear. Siempre incitas a lo desconocido, Fidel, con lo cómodo que está uno entre sus cuatro libros, creyendo que en ellos está ya contenido el mundo. Pero se ve que hay otras miradas. Y hay que intentar mirar también con sus ojos. Gracias por tus sugerencias, siempre interesantes.

    1. Grazas, querido Jesús, por compartir connosco este Café. Se ben non todos opinamos do mesmo xeito -doutra forma sería un aburrimento- para min Quignard merece a pena, como tantos outros. Non podemos esquecer, como dicía non lembro ben se Pennac, ler non é unha obriga. E menos rematar un libro se non che gusta, como me ten acontecido alguna vez, máis das que eu quixera. Penso que debido a educación recibida, mesmo coa idea de, unha vez rematada a obra, ser quen de interpretala, contala, tal como se estivésemos pendentes dun exame. Iso, ti sábelo moito mellor, réstanos gozo na lectura. Estou a falar por min, naturalmente. Unha forte a garimosa aperta. Saúde

  2. Bos días, querido Fidel:
    Non coñezo ese libro do francés Pascal Quignard, pero fíxome ilusión saber – con case seguridade – que pertenceches ao club de socios de Circulo de lectores. Que por qué che digo isto? porque eu fun a axente daquí de Palmeira dende o ano 1981 ata 1991 que tuven que deixalo case ca mesma morriña con que deixei o noso terruño. Cando me encomendaron a misión dese binitiño traballo entregáronme un arquivo con 99 socios, e cando o entreguei foi con 211. Un traballo enriquecedor que me procurou moitos dos libros que conteñen os estantes que J.M me fai para complacerme , pero sempre rosmando un pouquiño.
    Procurarei ver se o teñen na biblioteca do Lustres Rivas, o título xa me gusta, e si ti o recomendas…
    Casimiro Mahou ( o da cerveza ) dicía que: “Los libros no pueden juzgarse por sus tapas. Los bares sí “. Pero a mín, a orixinalidade dos títulos xa me di moito do autor.
    E agora xa levanto a base coma os americanos. Teño que facer de xantar e hoxe pedírome de postre natillas , que non vaia a ser o demo que se me pase a hora.
    SATÁN SALA LAS NATAS. cOnsEgUIrá o punto ?
    Castos e recastos biquiños , queridiño Fidel.

    1. Magnífica embaixadora, Magdalena (Magdalenífica, permíteme o `palabro´) para vender libros, sexan do Círculo de lectores ou non. Non, eu nunca pertencín, agás ás Socidades da miña especialidade, a ningún “circulo”, nin tan sequera ao Círculo Mercantil, o Casino, de Ribeira. Son un admirador das obras de Quignard, experto musicólogo e quen foi un responsable da editorial Gallimard. Cada vez que o leo paréceme que escribe como quen pasa a limpo cada texto -de aí que o califique de pulcro-, semellante ao que fan algúns alumnos cos seus apuntamentos. Iso non quita para que os seus libros veñan cargados de intensidade e de alta literatura. Nalgún lado -coido que neste mesmo Café-, Antón Riveiro reclamaba un premio Nobel para el. Esta obra regalouma un amigo. Teño esa sorte, a de contar con amigos especialmente xenerosos. E ti coa de aproveitarte da habilidade de J. M. cos estantes.
      Apertas virtuias e saúde.
      SANOTAS AS ÁTONAS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>