Carta a unha lectora (II)

PaulaCarballeiraPilar Sampedro. Cando lle tocou a Carlos Negro facer o seu texto para o marca páxinas das bibliotecas escolares, con motivo do Día do Libro do ano 2011, definiu o lugar da lectura como unha porta sempre entreaberta (pola que podes mirar sen que te vexan e sen correr riscos; miras e pechas, ou miras e entras), unha casa encantada (na que suceden cousas inesperadas), unha laranxa do paraíso (como aquelas que el nos mostrou en As laranxas de Alí Babá), unha alfombra no ceo (da mesma tradición arábiga, pero é que nós temos moito que ver con ese mundo dende Cunqueiro, máis que dende o Almanzor que nos levara as campás), a rosa e o cravo (con Rosalía de fondo e esa pena tan grande que cando a perdes tamén doe; ai, a tradición culta!), a serpe e a mazá (para falar da Biblia, o libro dos libros nunha das relixións do libro, con todos os seus marabillosos contos e parábolas), a fonte e o cervo (dos poemas medievais), a fenda do espello (pola que entra e sae o eu e a súa imaxe). Si, o lugar no que se produce a lectura non é o sofá ou o cuarto, a biblioteca ou a libraría; é ese no que se orixina a relación entre a persoa que le e o texto que é lido, ese espazo máxico de encontro.

Anímote, lectora, a que revises o texto completo porque verás novas imaxes e terás unhas preferencias diferentes ás miñas, seguro! Para min, o lugar da lectura, seguindo o poeta, é a porta do paraíso, a illa de San Borondón, un debuxo na area, o arrecendo da ruda, o peto secreto da avoa, os corvos de Artur…

Cada un, cada unha de nós ten os seus propios lugares da lectura e os seus tempos, que poden coincidir.

Paula Carballeira escribiu o seu texto, para o marca páxinas do ano 2013. Daquela puxo unha criatura fronte ao agasallo da irmá que é “só un libro”. Nun momento determinado dille e dinos “Tan caladiño, gardando a súa historia coma quen garda un segredo”. Si, así son os libros: obxectos humildes e silenciosos que gardan enigmas. Incógnitas que podemos desvelar ou non, dependendo do noso interese e bagaxe. Algún deles ten varias lecturas ou diferentes misterios que iremos abrindo un detrás do outro, tendo man de volver, e non correr riscos. Porque eles non son perigosos, somos nós quen se pode perder comolle pasou ao personaxe de Cien años de soledad que foi polo corredor do soño abrindo portas e logo non soubo volver. Pode que tamén lle sucedese ao Quijote cos libros de cabalerías, que pasou dun personaxe a outro, perdendo a Alonso Quijano nun pasar de páxina.

María Solar, no marca páxinas do ano 2015, dixo “Ás veces, o destino está no libro que tes ao lado. Só tes que abrilo e gozar”.

Coma quen le as borras do café, hai quen le o futuro nos libros. Abre por unha páxina calquera e fala a esfinxe. Mirando para outro lado, sinalas cun dedo dentro da páxina, e atopas unha palabra que lle dá nome ao grupo; así ocorreu cando a rapazada de Sacou atopou o seu. Daquela, toda a xente relacionada coa cultura os seguimos, con ganas de que se lograseo que tiñamos medio perdido… entre as despedidas.

Un comentario en “Carta a unha lectora (II)

  1. O un marca páginas con un “capricho ” de Goya. Aquél que le hizo a la duquesa volando con mariposas en su cabeza y monstruos a sus pies. Volavérunt.
    Antonio Larreta hizo que me metiera de lleno estos días en esa puerta entreabierta por la que pocas veces tuve que volver a entrar dado que la he leído casi de un tirón.
    Muy recomendable.
    Un abrazo, y bienvenida, Pilar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *