Flores de ferro, de María Rei Vilas

41Ru2C-jtFL._AC_SY400_Xerardo AgraFoxo. Non resulta sorprendente que esta obra gañase o Premio García Barros 2020, pero si resulta sorprendente, tal como se le na lapela do libro, que esta sexa a primeira novela desta profesora de Bioloxía e Xeoloxía no Instituto Agra de Leborís de Laracha. A obra comeza cun pulso firme, unha trama narrativa engaiolante e unha lingua moi acaída para esta historia de descubertas sorprendentes e sentimentos encontrados. A protagonista, Camila, unha moza asolada polas incertezas (“ataques de ansiedade e soños angustiosos”) deixa na cidade o seu pai enfermo (“O ictus deulle aquí mesmo”) para emprender unha viaxe cara á Briana, a súa vila natal, coa teima de resolver nas paisaxes da súa infancia os problemas que a invaden. A partir desta viaxe iniciática a historia adquire un carácter diferente. A trama avanzará, coa aparición de personaxes inesquecibles e acertadas alteracións temporais, a medida que descubrimos, á par que Camila, un mundo ateigado de crueldades (“os tempos revoltos”), mulleres de ferro que sempre ficaron silenciadas e unha época abraiante (“Foi a primeiros de marzo de 1937”) onde Briana “non foi a excepción” ao río de sangue que sementou os rueiros de Galicia naquela época.

En cada páxina, que lin con emoción e arrepío, seguiu a sorprenderme que esta sexa a primeira obra narrativa de María Rei Vilas (A Laracha, 1964). Lin ultimamente varias novelas gañadoras de premios literarios. Sen dúbida, esta é unha das mellores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *