Aproximacións a Manoel Antonio

978849485535X. Ricardo Losada. Máis alá do seu brillante currículo, e do seu talante persoal, o que máis me gusta de Roberto Abuín é o seu evidente amor pola filosofía, e por unha filosofía que el concibe, coma min, como un debate aberto sobre as ideas. Non outra debeu ser a razón pola que se lanzou a crear unha editorial, Axóuxere, que segue unha arriscada liña experimental e de rigorosa reflexión sobre o mundo, cando as tendencias dominantes van en dirección contraria. Tampouco teño ningunha dúbida de que as súas mellores alegrías non deben vir do número de exemplares vendidos, senón dos debates públicos que os seus libros provocan. Seino por experiencia persoal. Hai case tres anos publiquei unha biografía sobre Manoel Antonio na que rompía a visión canónica do poeta rianxeiro, convencido de que se podería abrir un debate intelectual sobre unha figura imprescindible das nosas letras, pero case ninguén tivo a ben enriquecer o meu punto de vista coas súas emendas ou coas súas críticas á totalidade. Para un vello profesor de Filosofía coma min nada pode haber máis triste, pero o certo é que eu, e o que é peor, a cultura galega, quedamos sen ese, ao meu entender, necesario debate.

Agora Xosé Luís Axeitos, un dos grandes especialistas no poeta rianxeiro, publica na editorial Axóuxere un libro titulado Aproximacións a Manoel Antonio. É un libro que apenas aporta novidades (dous pequenos textos inéditos e circunstanciais), pero si un libro que calquera admirador de Manoel Antonio pode ler con interese, xa que é indubidable o rigor co que Axeitos documenta os seus traballos e a profunda devoción que ten por Manoel Antonio. Non é este o momento de expresar todas as reflexións, de coincidencia e de contrariedade, que me provocou o libro. Pero si quixera facer unha pequena reflexión, pois eu si considero un deber intelectual compartir publicamente as miñas impresións.

Neste libro, como en case todos os comentarios que ten feito sobre Manoel Antonio, Axeitos insiste na “especial esixencia e a intensa paixón coa que Manoel Antonio tratou a súa obra literaria”. Mesmo cre que “teñen unha decisiva importancia para penetrar nas intimidades do poeta. Porque anuncian e modelan ao mesmo tempo unha ascética creativa e unha certa moral de traballo que necesariamente proxectan tamén unha conduta socio-política de perfeccionamento, incompatible con certos sentimentos corrosivos atribuídos arbitrariamente a Manoel Antonio”. 978849121188E Axeitos pon como exemplos as cartas que envía aos editores e directores das revistas ou xornais que publican os seus poemas, queixándose da disposición tipográfica ou de calquera mínimo cambio que fagan no seu manuscrito. Estou de acordo en que ese é un trazo intelectual moi de Manoel Antonio. Estou de acordo en que indica unha certa ascética creativa e unha moral de traballo perfeccionista. Non o estou no referente a unha conduta socio-política, por razóns que agora non veñen a conto, nin a que iso sexa incompatible con certos sentimentos corrosivos (cales, quen, onde, como, por que, non o di) atribuídos arbitrariamente a Manoel Antonio. E moito menos estou de acordo co que di a continuación. Que ese trazo de Manoel Antonio se deba a unha tradición humanística de sensibilidade para a cultura textual. Estas son as súas palabras: “Será neste contexto cultural propiciado polo humanismo renacentista —a palabra como elemento esencial da razón— que cobre sentido a persecución da errata de imprenta como praga bíblica difícil de combater, que aparece ciclicamente porque non hai cordón sanitario eficaz para erradicala”.

O sorprendente, para min, é que no primeiro capítulo do libro, Paratextos e antetextos a propósito da obra De catro a catro, Axeitos analiza as manipulacións (é o termo que utiliza) que Ánxel Casal, o editor do libro, fai, sen o permiso do autor, do manuscrito de De catro a catro. En concreto:

  1. Suprime o índice, algo que o propio Axeitos cre que lle debeu doer fondamente a Manuel Antonio, pois traballara moito na ordenación dos poemas.

  2. Suprime un dos textos nuncupatorios: “Manoel Antonio, navegante, compuxo este libro abordo. Atlántico—Mediterráneo. 1926”. Para Axeitos, dese xeito, “prívase ao lector dunha información valiosísima, a única que anoa os poemas á realidade dos traballos no mar durante un tempo determinado”.

  3. Cámbialle o nome, Manoel, “adoptado polo rianxeiro desde que publica o seus primeiros poemas galegos”, polo de Manuel.

  4. Modifica a ortografía do colofón sen respectar os hábitos gráficos do poeta.

  5. Modifica o “título impreso na cuberta do libro: DE CATRO A CATRO (Follas d´un diario d´abordo), que contrasta co título impreso na portada, Follas sin data d´un diario d´abordo”.

978849752063Non consta, ata onde eu sei, ningunha protesta nin ningunha queixa, pública ou epistolar, de Manoel Antonio sobre as manipulacións de Ánxel Casal. Non parecería lóxico que o Manoel Antonio humanista e perfeccionista e asceta do traballo que nos presenta Axeitos, ese Manoel Antonio que se queixaba publicamente de pequenas modificacións dos seus escritos menores, protestase iradamente diante das manipulacións do editor do libro ao que dedicou toda a súa vida e toda a súa alma, o libro que ía darlle sentido á súa existencia, e polo que ía merecer ser recordado?

 

Esa é a principal razón de que escribise este texto. Manifestar a miña sorpresa de que ao profesor Axeitos non lle chame a atención esa aparente contradición, e agardar a que algún día o aclare, coa única fin de que me axude a entender mellor un poeta e un ser humano que admiro. A razón secundaria xa a dixen. Felicitar a Roberto. Propiciar o debate e debater si son partes da tradición humanística, das ideoloxías progresistas e, sobre todo, das psicoloxías abertas e tolerantes.   

 

 

4 comentarios en “Aproximacións a Manoel Antonio

  1. Benquerida Magdalena:

    Todo o mundo ten dereito a escoller con quen baila. Faltarías máis! Pero non te me preocupes polo meu ánimo. Complexo de feo non teño.

    Máis apertas!

  2. Tes moita razón, querido ( e vello ) profesor, a humildade é unha virtude moi importante, pero un filósofo pode ser tamén un pensador sabio, porque o que se busca con afán, pódese atopar.
    E sobre as coincidencias e as discrepancias, non me cabe a menor duda de que che gostaría compartilas, pero o malo é que para poder facelo, fan falta polo menos dous.
    Unha aperta, profe.

  3. Prezada Magdalena:

    Si. Amor pola sabedoría. Pero creo que o significado aínda é máis fermoso se sabemos que é unha demostración de humildade. O filósofo é un simple amante da sabedoría porque é consciente de que nunca será sabio. O sabio posúe a sabedoría. O filósofo tense que limitar a buscala sabendo que só pode divisala como un horizonte.

    A miña biografía e a de Axeitos teñen coincidencias e complementariades, pero, sobre todo, discrepancias. Pero esa non é a cuestión que eu abordo neste texto. Escribín a miña biografía do poeta rianxeiro non para ter razón, senón para compartir a miña razón con outras razóns diferentes, tal e como fan os científicos. Cando descobren algo, publícano nas revistas da comunidade científica co obxectivo de que outros científicos repliquen os seus experimentos e descubran erros ou apuntalen as súas teses. Era o que a min me gustaría que pasase co meu libro. Sei que hai moitas persoas que non están de acordo con algúns ou con moitos dos meus puntos de vista. Agardaba esas discrepancias para poder fortalecer as miñas teses, xa fose porque esas discrepancias me fixeran ver as miñas debilidades, xa fose porque me fixeran ver as miñas fortalezas. Entristeceume non conseguilo pois, respecto a Manoel Antonio, sigo pensando o mesmo (e iso envellece moito) que cando escribín o libro.
    Respecto a ese debate, eu, por suposto, seguirei debatendo. Non vou renunciar a algo (son un simple amante da sabedoría) tan enriquecedor e divertido. De feito, teño pensado publicar algúns textos máis aquí, en Café Barbantia, sobre algúns aspectos dese libro que non me convencen.

    Apertas rianxeiras!

  4. O outro día vendo “Saber y ganar” aprendín o significado de “Filosofía”. Gustoume a etimoloxía da palabra e apunteina : Filosofía = amor a la sabiduría.

    Non cabe duda de que tamén se filosofa con unha discordia tolerable, porque de non ser así, unha maneira de pensar sin discrepancia sería moi tediosa.
    Vexo polo tanto, – se non entendo mal – que non hai disenso entre os dous, aínda que sí, partes que non coinciden ca postura do outro, e entón eu penso igual, querido profesor, que sería moi divertido presenciar ese debate do cal estou segura de que sen traspasar nunca o límite da natural cortesía, sería moi, pero que moi interesante.
    Se chegase a ocurrir, eu quero estar presente no debate.

    Unha forte aperta, querido – non vello – profesor, para seguir moitos anos ofrecéndonos lecturas tan estimulantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>