Xerardo AgraFoxo. Este libro conta unha historia ben coñecida polos lectores interesados polas escouras deixadas polo Holocausto. No ano 1950, baixo o nome de Ricardo Klement, estableceuse na Arxentina, contando coa protección do peronismo, Adolf Eichmann, un dos principais arquitectos da “solución final”. Dous anos despois chegou a súa muller e os fillos. Comezaban deste xeito unha vida plácida até que un encontro fortuíto nun cine de Bos Aires lle deu pistas ao Mossad para capturalo no 1960. A historia posterior tamén é ben coñecida. A través dunha escrita moi coidada, Ariel Magnus (Bos Aires, 1975) conta a vida clandestina e discreta deste criminal nazi que, amparado pola comunidade alemá na Arxentina, nunca rexeitou os asasinatos cometidos polo nazismo nin a súa intervención directa como responsábel das deportacións de xudeus e a súa posterior liquidación nas cámaras de gas.
Amais de ofrecer un retrato aséptico dunha figura terríbel, a novela ofrécenos a posibilidade de mergullarnos –despois– con algúns acontecementos vinculados con esta arrepiante historia: Quen denunciou, cando as vítimas e os asasinos eran veciños, o paradoiro de Eichmann? Que foi dos fillos deste monstro? Á primeira pregunta pódese responder que, curiosamente, foi un cego, Lothar Hermann, que perdera a vista no campo de concentración de Dachau. A segunda pregunta ten unha resposta tamén curiosa: o fillo maior foi un nazi convencido (“Tengo uno de los nombres más odiados del mundo, pero aún así, todavía le quiero”), pero o máis pequeno, Ricardo Eichmann, un experto exiptólogo a nivel mundial, non só condenou os crimes de seu pai, senón que xustificou que o aforcaran.
Por certo, Adolf Eichmann foi xulgado e executado o 31 de maio de 1962 en Xerusalén. Foi o primeiro home aforcado en Israel dende a creación do Estado catorce anos antes. Os seus métodos máis expeditivos empréganos agora nos países veciños.
En Alemania un dos vixilantes do campo de exterminio de Dachau, disque chorou o día que lle morreu o canario.
Cariñosos saúdos palmeiráns, querido Xerardo.