Alimentos viaxeiros

B26E1090Xulio Gutiérrez Roger. Debo confesar que ese tópico da «cociña tradicional baseada nos alimentos autóctonos» prodúceme certa incomodidade. Non acabo de entender que é un alimento autóctono alén dos produtos extractivos da pesca e o marisqueo. Deamos unha volta a algúns dos nosos pratos «tradicionais».
De primeiro, unha deliciosa empanada. O trigo é un cereal oriúndo de Oriente Medio e comezou a cultivarse en Mesopotamia hai uns 8.000 anos. O centeo é anterior, coñécese desde o Paleolítico e procede de Siria. O noso querido aceite de oliva procede de Asia Menor onde comezou a consumirse hai máis de 6.000 anos. Pero se queremos utilizar aceite de xirasol debemos pensar que é un alimento procedente de Norteamérica, onde os nativos o consumían ao menos desde hai 3.000 anos. Se persistimos en utilizar algo autóctono deberemos usar como recheo algún tipo de peixe ou marisco de aquí, como xoubas ou berberechos e non ameixa xapónica, que procede das costas do mar Amarelo, desde onde foi levada a Francia en 1972 e chegou a nós a principios dos anos 80.

Preparar unha ensalada autóctona aínda é máis problemático. O tomate procede de Suramérica, os pementos de México (6000 a.), o atún do océano, lonxe das nosas costas, os ovos de galiña da India (7400 a.) e a cebola e os espárragos de Mesopotamia (6000 a.).

De segundo, cocido galego. O noso prezado porco chegounos de Oriente próximo e China onde se cría hai uns 13.000 anos. A pataca vén de Perú e Bolivia, onde se cultiva hai 12.000 anos. O grelo, o noso carismático grelo, non é máis que o gromo floral do nabo, hortaliza que nos chegou das frías chairas de Escandinava e o norte de Europa. A que saberían os chourizos se non estivesen condimentados con allo, procedente de Siberia, e pemento orixinario de México?

De sobremesa, queixo con marmelo. O queixo faise con leite de vaca ou ovella. A ovella e pouco despois a vaca foron domesticadas hai dez ou once mil anos en Oriente Medio. O marmelo provén da rexión que rodea o mar Caspio e o doce de marmelo é orixinario de Creta.

Uvas do Caspio

Para baixar a comida, que mellor que un viño do país! Ou mellor das beiras do mar Caspio, onde crecían as uvas ancestrais que facían as delicias dos nosos devanceiros aló polo neolítico. Daquelas proceden todas as variedades que se cultivan hoxe no mundo.

E para rematar, un cafeíño que trae aromas de Etiopía e Arabia, de onde é orixinario. Aínda que se somos de té os recendos veñen de máis lonxe. Esta planta é unha variedade de camelia cultivada en China desde hai 5.000 anos. E se queremos adozar estas bebidas, pensemos que a cana de azucre é orixinaria da India e Nova Guinea onde se deleitan con ela desde o Neolítico.

Se aínda queda sitio no bandullo, para os amantes das froitas hai sandía, oriúnda do Kalahari en África, cacahuetes de Brasil, kiwi do val do Yangtsé en China, mazás de Europa Central, peras de Europa Oriental, piña de Suramérica, plátano do Sueste Asiático e morangos dos Alpes. E se queremos poñer unha guinda ao pastel, pensemos que a guinda, e as cereixas en xeral, son orixinarias das terras que se estenden entre o mar Caspio e o mar Negro.

Por non ser, nin o Homo sapiens é autóctono de Europa senón de África, e chegamos á península Ibérica hai só 35.000 anos.

Bon appétit!

Un comentario en “Alimentos viaxeiros

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *