Unha morte magnífica

9788498381931X. Ricardo Losada. O escritor Sandor Márai suicidouse dun disparo aos 89 anos. Os amigos espallaron as cinzas no mar, tal e como el pedira. Nunha das últimas notas dos seus diarios fala da morte da muller, desencadeante da súa tráxica decisión: «Hai oito meses que morreu. Hoxe é a primeira vez que son consciente de que nunca máis estará comigo. Ata agora dábame a impresión de que saíra un momento do cuarto, ou a dar unha volta pola cidade». Sempre crin que os seres humanos, xa que debemos escoller como vivir, tamén deberiamos escoller como morrer. Finlandia ten un dos índices de suicidios máis altos do mundo («o noso deporte nacional», chámanlle), e non creo casual que sexa un dos países con mellores resultados educativos. Estar ben educado é ter criterio propio, sobre todo nos momentos máis difíciles.

O escritor e médico portugués Miguel Torga, na época en que facía visitas continuas a un hospital para tratar con quimioterapia un cancro avanzado, escribiu: «Nacín para cantar a gloria da vida e non para facer a crónica da humillación da morte». Se podemos morrer porque un bicho minúsculo se nos mete no corpo, ou porque esvaramos no baño, ou porque nos atragoamos coa espiña dun xurelo, non dignificamos a nosa vida escollendo o momento e as circunstancias da nosa morte? Nunha viaxe a Nova York, Julio Camba viu un anuncio dunha empresa funeraria que dicía: Para que vivir cando por só 30 dólares podemos facerlle un enterro magnífico. Mellor iso que unha agonía humillante.

Non vos estrañe, xa que logo, que me alegre moito de que a democracia española aprobe unha lei de eutanasia. Pero, debo recoñecer -mentres seguía por televisión os debates, cheos de palabras aterradoras como «encarnizamento terapéutico»- que non facía máis que recordar, necesitado dun pouco de humor, aquela nai asturiana que un día recibiu a ameaza do fillo: «No te estrañe que un día de estos me suicide». E, mirándoo aos ollos en fite, ela contestoulle: «Me parece muy bien, hijo mío, los gustos hay que dárselos en vida». E iso, pensei, moi en serio, é a eutanasia. Converter o máis amargo dos desgustos, nun gusto.

4 comentarios en “Unha morte magnífica

  1. Prezada Carmen.

    Sen entrar en matices innecesarios, estou de acordo con ese concepto
    de liberdade aplicado a este caso que expós.

    Todos temos casos particulares moi duros. Pero, como ben sabes, os casos
    particulares, menos aínda os persoais, non deben ser o criterio preferente
    para a elaboración de leis e normas. Os sentimentos son moi perigosos para
    determinar as normas comúns. Crean unha ética de taberna moi pouco
    recomendable.

    Unha forte aperta!!

  2. Querido profesor:

    Sen entrar en discusións éticas ou metafísicas das que non sabería saír: son respectuosa coas decisións humanas que non implican seriamente a terceiros; o que sería o mesmo que aplicar aquela máxima que di que “cada un pode facer da súa capa un saio”.

    Por desgraza, ao longo da miña vida sufrín a perda de seres queridos, as veces en situación tráxica (¿cando a morte dun ser querido non é?). Pero continúo sintindoos tan preto que o único que boto de menos é o seu contacto físico, algo que está a poñer a proba esta pandemia, aínda cos que temos xunto a nós.

    Ese é o meu criterio polo momento. Pode cambiar co paso do tempo; pero hoxe, e mentres a miña presenza sirva para algo, espero seguir neste val de bágoas con todos os seus inconvenientes.

    Estou de acordo en “non alargar a vida” sempre que a expresión “morte digna” non sexa un pretexto para eliminar un estorbo. Confío que a ética profesional en situacións desta natureza sexa unha auténtica ÉTICA.

    Precioso poema o que aporta Magdalena.

    Boas noites, profesor.

  3. Prezada Magdalena:

    Xa sabes que son profesor de Filosofía. Teño lido e falado moito sobre estes dous temas. Como non é este o momento de profundar en temas tan complexos, permite unha pequena consideración sobre cada un deles:
    Nunca faría unha campaña a favor da eutanasia, pero si a favor dunha lei que regule a eutanasia.
    Nunca recomendaría o suicidio como solución a un problema existencial, pero non cambiaría en nada a miña opinión sobre unha persoa polo feito de que se suicidase.

    O que nunca entenderei é que se intente limitar a liberdade dunha persoa ou dubidar da súa racionalidade en base a criterios divinos. Non é máis lóxico agardar a que ese Deus o xulgue cando corresponda? Que os cregos advirtan, aconsellen, recomenden, perfecto. Que xulguen, condenen ou prohíban, paréceme indecente.

    Moitas grazas polos versos e moitos desexos para todos de seguir vendo brillar a lúa moitos anos!!!!

    Apertas rianxeiras!!!

  4. Non sei que contestar a iso, benquerido profesor. Por desgraza fun testigo dun suicidio fai trinta e pico de anos, e aínda o teño na cabeza coma se fose hoxe.

    As dificultades cando se acrecentan ou complican o decurso da vida e un está fora de sí, nada aborrece tanto como volver a sí mesmo e busca una saída rápida, pero eu puden ver como aquela familia nunca se pudo recuperar do que fixo o seu proxenitor.

    Sobre a eutanasia, non é a miña intención en plantexar duda algunha respecto a esa decisión pero, déixoo ahí.

    Unha cariñosa aperta, querido profesor.

    Y pensar que no puedo, en mi egoísmo,
    llevarme el sol ni el cielo en mi mortaja;
    que he de bajar, ¡yo solo! hasta el abismo
    y que la luna brillará lo mismo
    ¡y yo no lo veré desde mi caja!

    Regáloche estos preciosos versos de Agustín de Foxa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *