Pastor Rodríguez. Rianxo é vila de teatro e, entre os que entregaron a súa vida á arte de Talía, non debe esquecerse a figura de Andrés Martínez García, “Pancho”, nacido nesa vila en 1957, e que faleceu en 2010. Actor, director teatral, dramaturgo, vencellado ao grupo Xeito, dirixiu pezas como Sinfarainín contra don Perfeuto de Bernardino Graña en 1980, ou A fiestra valdeira de Rafael Dieste en 1982, e outras moitas. Como actor representou autores como Eduardo Blanco Amor, Manuel Varela Buxán, Rafael Dieste ou Bernardiño Graña. En 1978 levou á escena unha obra da súa autoría: As Américas dun labrego. Xa no ano 2008 publicou en Edicións d’O Castro (Sada) o libro Sempre en Rianxo. O soño do barbeiro. Moitos son os nomes que Rianxo achegou ao teatro galego, non só os grandes Castelao e Rafael Dieste, senón tamén moitos outros como Xesús Santos Suárez, Esther F. Carrodeguas, Xosé Otero Otero (1893-1984) quen, en América, publicará obras como Ideas novas (1926) ou O Moucho; pero sen esquecer que o teatro é algo vivo e que necesita actrices e actores, técnicos e directores, e Rianxo leva moita feito polo teatro amador galego se pensamos no gran labor que veu realizando o grupo Airiños xa dende antes da Guerra Civil. Andrés Martínez é outro deses amantes de Talía que non pode estar fóra da historia do noso teatro.