O achado dos petróglifos de A Costa

Os gravados foron localizados a principios de ano por Juan Antonio Dieste
Os gravados foron localizados a principios de ano por Juan Antonio Dieste

Juan Antonio Dieste Meis/Víctor Barbeito Pose. A estas alturas a ninguén lle pode sorprender o descubrimento dun gravado rupestre na comarca do Barbanza. Cóntanse por centos, sobre todo logo dos traballos levados a cabo no termo municipal de Porto do Son que fixo aflorar ducias deles. Mais no termo municipal de Lousame non se chega á ducia, cun número anormalmente reducido de restos arqueolóxicos.

No caso dos petróglifos de A Costa foron localizados por un de nós (Juan Antonio Dieste) a principios do ano 2021, na parroquia de San Martiño de Fruíme, preto dun camiño forestal que ascende dende o lugar de Millón ata o alto do Castelo de Fruíme, ou castro da Casa dos Mouros. Trátase de dous conxuntos separados por 55 metros.

O primeiro grupo de gravados atópase nunha pequena ladeira que mira cara ao leste, sobre un afloramento de granito de grao medio que non destaca especialmente na paisaxe, nunha parcela dedicada á repoboación de piñeiros e vizosos toxos. Situada a 4,5 metros do camiño forestal. O soporte sobre o que se insculpiron as gravuras mide 4,40 metros no seu eixo norte-sur, e 4,10 no leste-oeste. Estes gravados compóñense de preto dunha trintena de cruces, maiormente rodeadas de cadanseu círculo (agás nove delas).

Os diámetros dos círculos oscilan entre 10 e 20 centímetros. Amais, aprécianse dous círculos pequenos.

O segundo grupo sitúase a uns 3 metros ao leste do camiño forestal, sobre un penedo exento de granítico de grao groso, situado ao carón doutro conxunto de penedos, duns 120 centímetros de alto, 280 centímetros de longo e 150 de ancho. Os motivos atópanse na cara oeste do penedo, e identifícanse 5 cruces, tres delas ensartadas nun círculo. A máis grande de 30 por 25 centímetros.

A priori todo parece apuntar a que se trata de gravados históricos, quizais medievais ou incluso modernos. As representacións tampouco se apartan do xa coñecido na comarca, como as do Penedo da Cruz ou Pedra Leirada, na Pobra; ou, algúns dos exemplares representados sobre a Cruz do Loreto (San Vicente de Noal, Porto do Son).

Actualmente os terreos pertencen á comunidade de montes de Castelo de Cabalariza e Confurco de Lousame, mais todo parece indicar que os gravados son froito dun antigo deslinde. Pola proximidade ao límite do monte comunal é probable que sexa un antigo, pero tampouco pasa lonxe o límite parroquial, polo que non se pode descartar, a expensas de dispor dun apeo histórico, que se trate dun límite destes, ou mesmo dalgún couto ou xurisdición. Debe recordarse que en 1812 existían 656 xurisdicións e coutos en Galicia, e 57 concellos. Hoxe 303 concellos e 3791 parroquias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *