Amancio Pampín Suárez. A última xornada foi a máis longa. Saímos moi de mañá na traseira dun camión, reptando entre estreitos desfiladeiros, como gando que vai ao matadoiro. A media hora, na estrada xeral, o condutor do microbús agardaba por nós desde había dous días.
Pedimos facer unha última parada antes de chegar á capital. Condutor e guía, satisfeitos coa propina dada horas antes, aceptaron de boa gana. Deixamos a autoestrada en obras que, de xeito intermitente, aparecía e desaparecía.
Desta vez non acabamos noutra gasolineira defendida con armas semiautomáticas, como nun filme de “Mad Max”. Aparcamos ante unha casopa de contrachapado e cinc. Un letreiro improvisado, pintado anos atrás, anunciaba aquilo que foramos buscar: “Pura auga de coco, boa para o ril”.
O barman recibiunos cun franco sorriso medio desarborado. Eramos os primeiros gringos do día. Os primeiros güeros aos que estafar coa inflada tarifa para turistas que, cun pouco de sorte, mesmo pagarían en Dólares ou Euros, e non en tristes e depauperados Quetzais.
Pedimos oito lustrosos cocos, que sacou dunha barullenta e vetusta neveira. Con precisos machadazos de cirurxián, practicou unha abertura en cada froito para introducir unha palla de cores que, a modo de sonda, empregamos para drenar o doce néctar do interior.
O guía uniuse á rolda que formabamos. El bebía unha cervexa. A oitava do día, segundo as miñas contas.
—Deberiamos estar gobernados polos chineses, non cren? Viron a autoestrada que nos están a construír? Só os chineses traen o progreso. Todos os nosos presidentes non valeron un peido. E os yankies e europeos tratáronnos sempre como pailáns; rapinaron con todo a cambio de bagatelas. Un dos nosos gobernos ata renunciou a Belice pola construción dunha autoestrada ata o mar. Pois os británicos aínda nin un metro de asfalto puxeron.
—Ladróns! Fillos de puta capitalistas! —dixo alguén do grupo.
—Cabrones. vostedes enténdenme. Non nos mataron a todos, xa que alguén ten que cultivar o café, o banano e a palma para o aceite. E o que virá, coa maldita cobiza dos güeros; estafadores, maricas chingacabras, coleccionistas de froitas exóticas. Os maias crían que as persoas proviñamos do millo. Eu penso que somos froitas, carne procesada de centroamericanos explotados tras un envoltorio vexetal. Están a beber a suor dunha nación escravizada. Puro sangue fresco, bo para o ril.