Sexo y silencio, nova obra de Ignacio Castro

libro-sexo-y-silencioGonzalo Trasbach. Sexo y silencio é a decimo oitava obra que publica o escritor, profesor de Filosofía e crítico de arte e cine Ignacio Castro Rey (Santiago, 1952). É tamén a terceira que ve a luz baixo o potente selo valenciano Pre-Textos. Nas 250 páxinas deste volume o filósofo santiagués proponse pór en orde toda unha seriede experiencias que viviu e perturbárono nalgúns intres da súa intensa traxectoria vital, aínda que axiña fai unha puntualización: <sendo como é un libro que contén unha fonda carga de confesión persoal, en absoluto se trata dunha obra autobiográfica>. Mais tamén recoñoce que o expón sen ningún pudor, nin rubor.

Amor-sexo-erotismo-sedución-silencio. Son estas as palabras angulares dun volume no que o autor aposta pola sexualidade como fonte de coñecemento, un coñecemento que non se adquire de xeito intelectual ou categorial, senón dun modo instintivo, no eido do intuitivo. É dicir: unha potencia cognitiva que non encaixa estritamente no que se chama racional. Neste senso, recorda Castro que a música, a danza, a pintura e mesmo os afectos, subsisten grazas a un xeito de coñecemento do que nada sabe nin entende a tan aclamada Razón ilustrada.

Á vez que defende o erotismo, o amor Romántico, a amizade e a sedución, o escritor compostelán posiciónase fronte á ideoloxía de xénero e asemade contra a demonización do exterior e do noso pasado, un pasado non tan afastado como poida parecer. Pola contra amósase a favor da relación íntima co afecto e co vínculo con seres descoñecidos. Neste punto, defende o epicurismo dos sentidos e a sobriedade estoica do ser. <Pero como non soportamos o silencio, entre nós o común non é o afecto, senón o inimigo como punto de partida>, explica o autor.

O libro é, ademais, un alegato en contra do noso racismo humanitario, e tamén en contra do ruído minoritario (queer, LGBT, feministas e activistas de toda laia). Ao mesmo tempo denuncia que vivimos anestesiados polas pequenas diferenzas e as nosas fobias. Fronte disto, en cambio, reivindica o “virus do silencio”, algo que pertence ao ámbito do sagrado e ao inviolable, que alenta <nos corpos, no seu desexo e as súas paixóns>. O “virus do silencio” murmurio segredos, e disto sabe moito máis a poesía que a ciencia.

Castro aposta pola sedución porque supón unha suspensión do sentido, e tamén porque cae do lado do misterioso. Pero ademais porque á vez resiste e oponse á produción. É por iso, entre outros motivos, polo que se inclina pola maxia do erotismo, do afecto, do amor, do sexo.

En Sexo y silencio rexéitase a visión progresista da muller. Castro faino porque di que esa mirada cousifica a muller, ao convertela ou só vela como suxeito de dereitos. Pero con iso, o que fai é introducila no campo da masculinidade coa finalidade de solicitar un recoñecemento social, político ou histórico. O santiagués fai unha defensa poética da “forza” feminina, ao comparar a súa figura coa auga, un elemento extremadamente suave, pero que é quen de vencer ou de escachar as cousas máis duras.

XeNMvSxd_400x400O libro tamén se pronuncia contra do sexo programado, contra da administración da vida e, por suposto, contra do pornográfico, ao que considera inimigo do erotismo. En cambio, aposta pola defensa do corpo humano, un dos últimos bastións do sagrado, e faino dende a desconfianza que lle inspira a tan cacarexada “sociedade do coñecemento”, á que cualifica de <totalitarismo orgánico, que responde á consigna: Nada de alma>. E partindo disto, Ignacio Castro acúsaa de que ten conseguido, <coa súa incontinencia verbal e o seu histerismo deconstrutivo>, que a xente non saiba nada de cousas fundamentais. E denuncia os expertos coma nova clase sacerdotal do noso hedonismo presente, o que conleva despois a renovar continuamente os dogmas sociais e a súa cohorte de excluídos, herexes que é necesario condenar (negacionistas, violentos non vacinados, machistas e os que aínda comen carne).

Leva anos o pensador santiagués combatindo a nova inquisición informativa e, paralelamente, defendendo a volta ao sendeiro do pecaminoso, das tentacións propias do existir e a posibilidade dunha graza que emana dun fondo sombrío, irremediablemente en cada un de nós. Intenta aquí Ignacio Castro contarnos algo sobre a complexa, intricada empresa que é o sexo, e faino porque non pode non facelo, para logo pedirnos que calemos, que gardemos silencio.

Ese silencio que é índice da potencia do secreto, ese silencio que inunda o noso cuarto despois de facer o amor e nos poñemos a fumar un cigarro en silencio, en absoluto silencio.

En suma, destacamos que aquí non se define o sexo, nin se aclaran cousas sobre el. Este libro non é un manual sobre sexualidade, nin tampouco sobre o silencio, pois iso acabaría rompendo a comunidade que forman ambos termos, como ben di o título: Sexo y silencio. O libro será presentado o vindeiro 4 de febreiro no Centro Social de Boiro, a partir das 20.00 horas.

2 comentarios en “Sexo y silencio, nova obra de Ignacio Castro

  1. Bo día, Gonzalo. Acabo de ler a túa achega e paréceme unha magnífica Introdución ao texto de Ignacio Castro. Os meus parabéns e a miña mágoa por non poder asistir á presentación. Saúde.

    1. Bo día, prezado e admirado Fidel. Non te preocupes polo da asistencia. Imos ver se xuntamos un bo grupiño de xente e se algúns nos animamos a facerlle unhas cantas preseguntas. A miña achega, non me gusta nin a min, pois onte pola noite atopei unhas notas debaixo dun libro que non puxen e era importantes, como por exemplo, que o libro non é moralista, nin xuzga nada nin a ninguén. En fin, moitas grazas polas túas amables palabras. Aperta e saúdos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *