Matriarcas

As femias da galiñola común enfróntanse en duros combates polos machos Foto: Antonio Sandoval
As femias da galiñola común enfróntanse en duros combates polos machos Foto: Antonio Sandoval

Xulio Gutiérrez Roger. Estamos tan afeitos a interpretar a natureza con lentes ideolóxicas que cremos ver nos animais características humanas que de ningunha maneira posúen. A maxestosidade do león, a astucia do raposo ou a crueldade da hiena. Pero estas lentes non son máis que un espello que nos define antes a nós que a eles. Unha destas lentes relaciónase co concepto de familia nuclear: o papá, a mamá e as crías. É certo que tal estrutura familiar patriarcal é común na natureza, pero non é a única. A diversidade é a norma.

Algúns grandes mamíferos como o bisonte europeo, a candorca e o elefante viven en grupos gobernados por unha matriarca. Nestes grupos o liderado non se logra pola forza física. O grupo seguirá a femia que amose maior seguridade mental. A que sexa quen de inculcar disciplina e coidar a cohesión do grupo coa súa presenza. A que poida aplacar con firmeza e sen violencia as tensións entre os membros do grupo. Se non consegue estar á altura do seu cometido, o grupo seguirá outra que lle ofreza máis garantía de supervivencia.

O matriarcado das hienas é máis exhibicionista e violento. As femias líderes adoptan un comportamento brutal, semellante ao facer agresivo do patriarcado clásico. As femias incluso posúen grandes xenitais que se asemellan aos órganos sexuais masculinos. Na violenta sabana africana a agresividade ten premio.

Moi diferente é o matriarcado dos chimpancés pigmeos ou bonobos. Estes case descoñecidos primates resolven a maioría das tensións dentro do grupo entregándose a un frenesí sexual que faría ruborizarse o mesmo don Juan de Zorrilla. Protagonizan unha intensa e diversa vida sexual inzada de onanismo, sexo grupal, homosexualidade masculina e feminina e incluso prostitución. Si, non é infrecuente que entre os bonobos exista intercambio de sexo por comida. O comportamento destes pequenos chimpancés hippies é moi diferente do violento e agresivo chimpancé común que protagoniza tantos documentais televisivos.

Os insectos sociais como as abellas e as avespas participan dun matriarcado de castes. Os machos ou abázcaros só teñen función reprodutora, o resto dos individuos da colmea son femias.

Peixe sapo

O caso do peixe sapo abisal non é exactamente un matriarcado. O macho é diminuto comparado coa femia. Desde que nace, o seu único propósito é buscar unha compañeira e adherirse a unha aleta especial que ela ten no ventre. O resto da súa curta vida permanecerá adherido alimentándose desta aleta como se de un teto se tratase. Ata o seu momento de gloria, cando se produce a posta e a fecundación das ovas. Despois, o infortunado minguará ata converterse nunha especie de quiste e acabará desfacéndose nas augas do mar.

E falando de sedución brutalmente agresiva, o premio á femia máis violenta recae na galiñola común. Unha ave moi frecuente en Galicia e en todos os humedais de Eurasia e África. Cando chega a época de apareamento, os machos déixanse ver, graves e solemnes, nas beiras dos ríos. Entón as femias interesadas enfróntanse en dramáticos combates. Utilizan as súas longas e afiadas uñas para tratar de ferir as rivais no lugar máis vulnerable, que é o pescozo. O macho seguirá a vencedora a un lugar onde ambos construirán un niño e colaborarán no coidado da prole.

Un comentario en “Matriarcas

  1. Qué interesante, Xulio !!
    Xa teño para apuntar unhas cuantas cousas que descoñecía por completo.
    Moitas grazas e saúdos palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *