Observadores observados

«Atavismo», obra de Rosana Calvo Foto: Carmela Queijeiro

«Atavismo», obra de Rosana Calvo Foto: Carmela Queijeiro

Antonio Piñeiro. Está na sala de exposicións do Centro Cultural Lustres Rivas, en Ribeira, a mostra dos traballos premiados no décimo sexto Certame Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas. Entre eles unha magnífica obra da artista noiesa Rosana Calvo. Este debuxo a lapis, titulado Atavismo.

O lapis é un dos medios que decote sorprende polas súas posibilidades. Semella non ter límites. Temos visto traballos hiperrealistas para os que o ollo non dá creto. Temos visto tamén delicadísimos, exquisitos exemplos de ilustración. Milleiros de bosquexos preparan a traxectoria de cada artista. Milleiros de trazos son a base primeira de cada obra. Por iso teño para min que coñecer e controlar o lapis é un dos aspectos que máis din sobre o talento plástico.

O efecto óptico, pola súa banda, está moito no surrealismo pero, en realidade, remóntase ás propias orixes da pintura e deuse practicamente en todos os intres e estilos. Rosana Calvo emprégao aquí coma vehículo; pero non só visual, senón tamén da idea.

Alén do xogo, que creo que está un algo na intención de Rosana, hai unha patente intelectualidade na formulación. A ollada que nos devolve o rostro, por exemplo, cara a nós, coma unha pescuda dende o cadro; a resposta que incinimos que somos nós mesmos, os observadores observados; a lectura en tríptico; a perspectiva crebada; os contrapuntos xeométricos; a sensación de portas e xanelas, que é a que configura o argumento e nos leva pola paisaxe imprecisa; esoutras dúas portas a algures, que son os puntos de luz do horizonte e mais do ollo debuxado; a presenza do baleiro; a superposición de tempos; ou a propia transmutación das formas.

Indubidablemente é a carga intelectual que ten tamén o concepto co que Rosana titulou a abra. A fisiognomonía, o rostro que aflora dun tempo suspendido, que cobra a súa forma no informe, e cuxa presenza é esa ollada inapelábel na que -xa digo- vemos o que somos.

Percorremos devagar unha exposición de pintura. Parámonos un intre diante dos cadros tentando coller coma unha totalidade do seu sentido. Ao pasar por diante deste de Rosana Calvo houbo algo que me fixo deter. Fiquei alí un intre. Finalmente sentei diante. Os efectos comezaron a agromar del coma un gurgullar, coma un estímulo concatenado no que cismaba o propio ferver da consciencia.

Coido que está, neste Atavismo, a pegada inspiradora de Alfonso Costa, o seu mestre. Hai unha parte semellante da lectura naqueles abstractos. Mais Rosana Calvo -penso- acada un punto de complexidade e intensidade moi altos na súa proposta.

Magnífica obra de reflexión, expresión e virtuosismo a de Rosana Calvo. Unha obra que engade peso á extraordinaria mostra artística que o Díaz Pardo trae desta volta a Ribeira.

 

 

Un comentario en “Observadores observados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>