El hombre de Calcuta, de Abir Mukherjee

41yO8XgrPfL._SX342_SY445_QL70_ML2_Xerardo AgraFoxo. Para os que desexen escribir unha novela negra, esta semella un modelo narrativo: unha época conflitiva (o Raj, o período colonial inglés na India); un pano de fondo atraente (os arrabaldes da asfixiante cidade de Calcuta); un sarxento de policía (Sam Wyndham) que arrastra sobre as súas costas un pasado amargo; unha comisaría con policías de identidades contrapostas (os nativos e os colonos) e o asasinato dun alto funcionario británico no barrio máis escuro da cidade, onde a miseria convive coas casas de citas e os locais de opio. El Hombre de Calcuta (2021) recrea tamén o ambiente desta metrópole bengalí, onde a calor húmida se mestura cos misterios e as incertezas daquela época, cando os movementos nacionalistas, que logo lideraría un tal Gandhi, comezan a derrubar os alicerces cada día máis febles do imperialismo británico.

Con estes elementos, Abir Mukherjee (Londres, 1974) narra con solvencia unha historia do xénero policial. Un relato que lle valeu varios premios e o recoñecemento internacional da crítica. Unha circunstancia que determinou que esta sexa a primeira entrega dunha serie protagonizada polo capitán Sam Wyndmam e o sarxento Banerjee. Agardamos con impaciencia as próximas achegas, onde a abraiante Calcuta é o escenario escollido para retratar cun axeitado alento literario a India no controvertido período do Raj.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *