Emilio Castro. Esta infinda pandemia que nos vai comendo a vida de maneiras moi diversas e sofisticadas tamén nos vai ensinando a capacidade e tenacidade humana para superala e transformala. ” El tiempo que tenemos no es corto; pero perdiendo mucho de él, hacemos que lo sea, y la vida es suficientemente larga para ejecutar en ella cosas grandes, si la empleáremos bien”. Con este sabio consello que lle dá Séneca a Paulino[1] habemos de enfrontar o tempo que nos toca vivir e esquecer que de nada serve queixarnos e enredarnos na calidade e composición das máscaras, na bondade ou nos perigos das vacinas, nas viaxes e proxectos cancelados ou nos abrazos e aloumiños esquecidos. Seguramente poucas cousas volverán ser o mesmo, sobre todo despois de levarmos máis de dous anos pensando que o corpo do noso próximo é un perigo para as nosas vidas. Non debemos pensar nese futuro incerto. Non compensa animicamente.
Hai que vivir o presente e nesa angueira descubro con certa admiración e simpatía como os meus amigos e veciños seguen inventando fórmulas para gañar vida fronte ao virus. Pasaron dos interiores dos bares abrigosos ás terrazas ventosas en pleno inverno sen retrucar, cambiaron a amizade pola estreita convivencia, mudaron as chaquetas de liño por chándales de fibra sintética, e por último trocaron os cafés servidos en fermosa porcelana galega decorada por un café en plástico, seguramente chinés, transportable, ou mellor aínda, andante, como o movemento musical do mesmo nome. Camiñan ao meu rente demoradamente homes e mulleres desfrutando do seu vello pracer. Aferrámonos á nova normalidade que nos toca vivir, sen facer preguntas, sen perder o noso precioso tempo, abrazando esta vida intensamente, non vaia ser que a que veña aínda sexa peor.
Benvido, curmán:
Non te rompas a cabeza que o de curmán dígocho polo apelido. Eu tamén son Castro.
Sí, ten razón Séneca . Non é que teñamos pouco tempo, e que perdemos moito en tolerías.
E referente á pandemia hai unha frase moi boa del que di así: “Mejor es la salud que nunca se perdió”. Por tanto, ainda que sexa na terraza con vaso de plástico, obremos sempre con sentidiño.
Hoxe temos a un palmeirán de 58 anos falecido en EE.UU. por causa do COVID.
Reitero a benvida, Emilio. Saúdos palmeiráns.