Víctor Barbeito Pose/Julián Bustelo Abuín. O 18 de setembro de 1976 ingresaban no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña (Castelo de San Antón) o Depósito de Leiro (Rianxo), que algúns investigadores o consideran como un dos conxuntos máis importantes de todo o Bronce Inicial do Noroeste peninsular. Segundo a información proporcionada polo citado museo, o achado realizouno Albino Gómez Vidal durante os traballos de explanación na finca Rebolada da Cana. Os obxectos apareceron diseminados polo terreo, e descoñécese se se trataba dun depósito ou acubillo ou, máis improbable, dun enxoval dunha cista funeraria. O achado foi posto en coñecemento da Garda Civil rianxeira que llo notificou ao Consejero Provincial de Patrimonio Artístico e Cultural de A Coruña e da dirección do Museo Arqueolóxico coruñés, que tramitou a adquisición do lote por un total de 20.000 pesetas (120,20 euros).
O achado está composto por seis armas de cobre: unha alabarda e cinco puñais. A porcentaxe de cobre que posúen as pezas supera o 96 %, e conteñen trazas doutros minerais como o chumbo, o arsénico, a prata ou o ferro en distintas proporcións e, en dúas delas, tamén se atopa algo de estaño.
Os cinco puñais pertencen ao modelo de puñais de lingüeta ou espigo, de tradición campaniforme, aínda que presentan diferenzas internas no conxunto. Dous deles amosan ornamentación que consiste nunha estría paralela ao fío, e teñen paralelos nos enxovais das cistas funerarias como as de Taraio (Malpica) ou Atios (Porriño).
O conxunto de armas (alabardas e puñais), teñen un encaixe temporal amplo, quizais dende mediados do III milenio a mediados do II milenio a. C.