Xénese da palabra

687.tmpFidel Vidal. O navío da matéria,de António Ramos Rosa (Espiral Maior, 1994), velaí onde nace o verbo. Porque a xénese da palabra non está no home, fundado por ela. Tampouco agroma do ollal nin do espello, é na inclinación da opacidade onde a fenda -cavidade ficticia- se produce, vertendo todo canto recolle: a orixe da palabra reside na materia. Que a palavra sexa o puro sopro/ que aniquila e simplifica o rosto (p.67). Comeza na terra húmida, no espertar da mesma pola caricia quente do sol, ou na auga limpa, desfacéndose entre croios rio abaixo, ou no bater na rompente percebeira. O dicir principia no ar moído, reclamando asubíos nos piñeirais ou chamando por nós nas físgoas do faiado. Primeiro foi lapa rosmona na mirada do home, ou cascallal de estrelas, ou choro de ferida, ou berro de rompente. Interpretación antes ca signo. Foi murmurio… para incorporar as virilhas de unma pedra/ e ser o corpo de um murmúrio uma sílaba terrestre (p. 77).

O home falou por imprimación da materia desde a súa materialidade humana: o arbitrio en presunción de orde que permite o contaxio sonoro e semántico no posible home. E non está a súa fonte na farfallada, branda e indecisa, senón no murmurio, pétreo e escintilante, que nos alerta e nos altera. Que se aquela é insidia que medra, o murmurio, pola pertenza á categoría da ruptura, é sinal de novidade e cambio, doutro que a fai ser para que eu sexa: a palabra da cousa e o rumor da follaxe. Era a mãe de pedra que ele vira em sonhos/ e a larga nascente da boca do horizonte (p.19).

Só ela (a palabra) é capaz do abismo e da verdade, sempre nova no dicir de Apollinaire, que a será porque é decote nacente, nada que latexa na rocha, fendedura de ar na redonda espesura, o total de si mesmo que se agocha e que fai posible a ilusión do retorno á insaciabilidade do gozo pola escrita. Eu creio na semellança desses nomes/ ébrios e lisos quase abolidos como un sopro/ cintilante de sal e pólen/ pobres como un murmúrio ou sílabas do sono .

A palabra nace do corpo cando a materia (mater) significa, e nacerá da desconfianza e pola ameaza do fillo que o outro ten e que, nese intre, na posta en escena, devirá pai. Así o fillo, a quen todo lle era dado no corpo biolóxico (tudo lhe era dado e não era um sonho, p. 17) fará da natureza da muller unha cultura nai (prohibida) para pór en marcha o desexo. E aquela falsa totalidade do un primixenio deixa de ser un todo dado e disporá da falta preparada para poder dicir, e facer posible o verbo, o verbo poético: Não ha palavra que tu não possas ter criado (p. 28)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *