Influencer

bses075_1809_kMarina Losada Vicente. Xa o pequeno prendera en quintas, cando quedou de novo preñada. Nos catro embarazos anteriores, Marcela foi afrouxando roupa, adaptándoa ás novas medidas. Os tempos cambian e, no día da santa patroa, estreou roupa prenatal, seguindo o camiño da filla que a fixera avoa.

Elegante, magnífica -coma sempre-, mais entrada en carnes, pode ser, pensou a veciña cando a viu detrás do palio, co cordón do estandarte da virxe do Carme na man, sen sospeitar que de novo andaba encinta.

No taller de costura, e para ir de madriña do seu fillo, Elsa pediu un vestido como o de Marcela, para o que levou fotos da procesión. Un conxunto en dúas pezas, formado por un blusón cun corte debaixo do peito, do que sobresaían uns plisados miudiños, cortados ao biés, na parte dianteira. A saia de corte evasé, para darlle folgura á prenda, remataba cunha cinta de pasamanería, algo ostentosa, pode ser.

A modista, pasando amodo as páxinas da revista Burda 1981, a máis cara de todas as que vendían na mercería María, comentoulle que non atopaba nas novidades dese ano nada parecido, ao tempo que lle recomendaba cousa máis acorde coa súa corta figura, moito máis repoluda que a da veciña.

-A min fasme un modelo calcado a este. Se o leva Marcela a de Vicente ten que ser a última moda de París!

2 comentarios en “Influencer

  1. Pasei anos de oínte no taller de costura de miña madriña. E a miña nai tamén cosía, polo que algo se me pegou, si. Ao máximo que cheguei foi a sacar os patróns da revista Burda, que tiña algo de dificultade. Saúdos, Magdalena.

  2. Qué recordos, querida Marina !!
    Moito me gustaba ese catálogo. Cando chegaba o novo “Burda” sempre loitábamos por ser as primeiras en querer ollalo.

    Xa vexo que lle das a todo, ata de costura entendes.

    Remato coma sempre dicindo, que da gusto lerte.

    Moitos biquiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *