Analista da agricultura e da pesca da bisbarra

escritorPastor Rodríguez. Nado o 24 de outubro de 1954 en Ribeira, José Antonio Pérez Sánchez estudou primeiro Maxisterio e logo cursou a licenciatura en Xeografía e Historia, pasando a traballar na Consellería de Pesca. Produto da súa tese de licenciatura foi o volume Las actividades agropecuarias y pesqueras de la margen derecha de la ría de Arosa, publicado en 1988, pero xa o ano anterior editara a obra La comercialización del pescado en un puerto del litoral gallegoAnálisis de los circuitos comerciales y áreas de mercado. Un caso representativo: el puerto de Laxe. Fixo logo o doutorado, que deu por resultado unha nova obra: Las actividades agropecuarias y pesqueras en la ría de Arosa. Dinámica e incidencia territorial, editada pola Deputación de Pontevedra no ano 1996; o estudo amplía a tese de licenciatura dun xeito moi completo para toda a ría de Arousa e, xa que logo, é unha obra fundamental para o coñecemento da agricultura e da pesca da bisbarra do Barbanza. Quen queira coñecer polo miúdo outros aspectos da pesca na ría de Arousa pode engadir a estas obras de Pérez Sánchez os traballos de R. Arnáiz e A. de Coo sobre as artes de pesca e marisqueo publicadas entre 1977 e 1990, o estudo de R. García Briones La producción marisquera de la ría de Arosa, os traballos de G. Román e A. Pérez sobre o mexilón de 1979 e 1989 ou o estudo de Pérez de Guzmán sobre Las familias mariscadoras de la ría de Arosa (Sevilla, 1974). Para unha visión da historia da pesca en Arousa deben consultarse os traballos de Santos Castroviejo (1990), Surís Regueiro, Varela Lafuente e Meijide Pardo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *