Emilia Pardo Bazán e Libredón (I)

Emilia Pardo Bazán noviñaPilar Sampedro. A exposición Dona Emilia e Compostela organizada polo Ateneo de Santiago e comisariada polos profesores Santiago Díaz Lage e José Manuel González Herrán púidose ver nas salas de Fonseca ata hai uns días e agora continúa o seu percorrido polos centros socioculturais da cidade, en versión “resumida”, nos paneis aos que acompañaban diferentes documentos en vitrinas.

Toda exposición ten un obxectivo. O desta é demostrar a importancia de Santiago na vida e obra da Pardo Bazán. A súa relación coa cidade faise presente a través das visitas ao longo do tempo, as persoas que coñece, e a obra que aquí escribe ou na que fai referencia á cidade.

Polo tanto, consta de dúas partes diferenciadas: “Emilia en Compostela” e “Compostela na obra de Pardo Bazán”; a primeira recolle sucesos entre 1866 e 1879, anos nos que a escritora reside frecuentemente na cidade e se relaciona con persoas e institucións que a marcarán dalgunha maneira; a segunda recolle unha escolma de textos entresacados de contos, artigos, crónicas, novelas, ou do diario persoal (“Diario de mi vida”) nas que reflicte a cidade.

A primeira vez que Emilia Pardo Bazán visita Santiago é en 1866, cando conta quince anos; pasa uns días na casa dunha parente, Teresa Rúa, e déixalle o poema “A Santiago” no álbum persoal, a modo de despedida. A partir de 1868, casada co José Quiroga, reside por temporadas mentres el estuda Dereito na Universidade. A súa primeira novela Pascual López: autobiografía de un estudiante de Medicina (1879) está ambientada no ámbito estudantil que coñece daquela. Neste tempo comparte a vida social da cidade (móvese no sector tradicionalista e participa no Casino Católico Monárquico Carlista de Santiago) e tamén nos círculos universitarios con profesores de ciencias e letras.

Nas súas estadías na cidade ve por primeira vez os Episodios nacionales de Pérez Galdós nunha libraría da rúa do Vilar, pasa moitas horas investigando na biblioteca do Convento de San Francisco (preparando un ensaio sobre o santo) e mantén relación con científicos ligados á Sociedad Económica de Amigos del País e profesorado da Universidade. Entre este profesorado destaca o químico e reitor Antonio Casares Quiroga (amigo do pai de Emilia), o naturalista Augusto González de Linares (co que mantén correspondencia ata 1878) que era krausista e defensor do darwinismo, o catedrático de Farmacia José Rodríguez Carracido inimigo intelectual do anterior, o químico Rodríguez Mourelo (que a asesora para escribir a historia do diamante artificial), e o filósofo e filólogo Laverde Ruíz, un “integrista” profesor de Menéndez Pelayo a quen lle fala da escritora.

Parece ser que adoitaba aloxarse no pazo dos Marqueses de Santa Cruz (na rúa Nova) e frecuentaba os de Amarante e Bendaña, tamén propiedade de familiares. Entre os proxectos que baralla neste tempo, pero que non chega a levar a cabo, están unha historia da literatura castelá a partir doutro proxecto sobre a historia da literatura dos místicos. Escribe poesía, artigos de divulgación científica, notas para un tratado sobre o absolutismo… e resulta premiada nos Xogos Florais celebrados en Santiago en 1875 cun poema sobre as Rías Baixas.

 

2 comentarios en “Emilia Pardo Bazán e Libredón (I)

  1. Sería un gustazo poder visitar a exposición de dona Emilia. Intentareino.
    Moitas grazas, Pilar. Sempre é un pracer ler todo o que recomendas.

    Saudos dende Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *