Emilia Pardo Bazán e Libredón (II)

Dona Emilia en PedraPilar Sampedro. Na exposición á que me refería na entrada anterior, froito dunha investigación minuciosa dos profesores José Manuel González Herrán e Santiago Díaz Lage, a segunda parte xiraba arredor de Compostela na obra de Emilia Pardo Bazán.

Seguindo a súa información, case ao pé da letra, podemos atopar textos de ambientación ou asunto santiagués, dende “Impresiones santiaguesas” de 1880 até “Una contienda literaria sobre La casa de la Troya de finais de 1920. Aparece Santiago na narrativa, nas crónicas e artigos publicados na prensa periódica española e americana, en relatos editados nos fascículos de coleccións como Los contemporáneos ou El cuento semanal, na novela inacabada La esfinge (unha novela que non chegou a rematar e está ambientada en Libredón, que non pode ser outro lugar que Santiago) e en Los pazos de Ulloa.

Pódese dicir que toda a cidade vella está nos seus escritos, dende o interior da catedral aos arredores, coas diferentes prazas como a Quintana (que en algún escrito aparece como Praza dos Mortos), mosteiros e conventos (como San Paio, San Martiño e San Francisco), as rúas e prazas, o Casino, a Universidade, a Alameda e Ferradura, o pazo de Bendaña… deténdose con moita profundidade na capela do antigo mosteiro de San Lourenzo. Coñece os festexos  tradicionais da cidade, as historias e lendas da zona (que reflicte en narracións como “El cinco de copas”, “La santa de Karnar”, “Cenizas”), o rexurdir das peregrinacións e culto xacobeo (que aparecen en “El peregrino” ou “La danza del peregrino”).

Cando en 1909 preside en Santiago o Certame Histórico da Exposición Rexional Galega deixa dito “Pobo xoia, pobo relicario, no que persiste a imaxe do pasado coa mesma viveza que se fose presente”.

Como vemos, grazas ao traballo deste dous expertos, podemos acceder a unha información que non tiñamos e que nos enriquece, podemos situar a literatura e a biografía de quen a escribe no territorio. Podemos sentir, unha vez máis, que Santiago foi pisado por unha multitude de xente que deixou pegada nas artes e nas ciencias, que foi fonte de inspiración das súas obras e que permanece, aquí, dando alento ao universo.

O papel dunha asociación coma o Ateneo é fundamental para a posta en valor da cidade, para erguer proxectos desta envergadura que poñen en relación os santiagueses cun herdo de palabras inesgotable. Neste caso, no paso de Emilia por Compostela e nos seus escritos vemos o monte de contradicións desta muller adiantada ao seu tempo e atada a el –e ao pasado– con cadeas tradicionais e relixiosas.

O catálogo da exposición e libro, con quince artigos sobre a cidade que acaba de publicarse, é o que vai quedar desa exposición cando remate o seu percorrido e vainos introducir nesa mirada que a escritora verteu sobre a cidade e os textos nos que a reflectiu. E como escribe a autora: “Cantas veces terei cruzado indiferente ante os mesmos lugares que agora me enfeitizan e moven acaso a evocar un período artístico ou histórico! Iso é así de ordinario: ao contemplar un obxecto alumeámolo coa luz da nosa mente para distinguir todos os seus aspectos e belezas”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *