Ecoloxismo e subsistencia

casa-ambientalmente-responsableMarina Losada Vicente. Desde que cambiou de colexio, a neta non o deixa en paz. Péchalle a billa mentres se barbea. Reclama que se pulse o botón secundario da cisterna para usos menores. O caldeiro coa auga de fregar o chan espera paciente, ao pé do váter, a que alguén deixe depósitos sólidos, evitando descargar once litros de auga. A nena é ecoloxista, o que lle parecen ben, así llo aprenden na escola e así o escoita el na televisión. Temos que coidar o planeta!

Pasou a nenez escapando de súa avoa, á que consideraba unha pesada rañica. Berráballe a cada paso por saír do cuarto sen apagar a luz, por prendela nada máis entrar no comedor, no que se vía dabondo -dicía ela, total para o que vas facer- con só descubrir os cortinóns. Petáballe na porta do baño, para que non tivera a auga a correr mentres se enxaboaba. Tirar co pan era un pecado e as ceas, reciclaxe do mediodía.

Métese na cama sentindo que el é o recheo dun bocadillo lambido, sen sustancia, no que o verdadeiramente saboroso fose o pan. Coas papas de arroz que sobraban nas festas, e que non daban para todos, súa avoa facía unha deliciosa empanada. A neta fai masa madre e dentro, como nunha filloa pregada en catro, caben todas as sobras do día anterior.

Cando apaga a lámpada da mesa de noite -para que ter prendida a do teito con catro halóxenos, dixéralle a neta- comprende que o ecoloxismo xa levaba tempo inventado, disfrazado de subsistencia, só que el preferira evitalo, agarrado a un delirio de gastador empedernido.

2 comentarios en “Ecoloxismo e subsistencia

  1. Nos últimos tempos céntrome en ir pola liña do medio. A máis difícil de todas, para min. O meu son os laterais e debo escapar deles. Nin tanto alá nin tanto acá. É difícil. Son quen de vivir sen prender o botón da luz, máis entendo que non é moi sabio. Levo tatuados varios golpes contra as portas. Máis non abandono a esperanza de conseguir centrarme. O de que se centren os demais… é outra cousa. Bicos, Magdalena.

  2. Ai, querida Marina !! aquí son eu a que teño que ir apagando todalas luces. Por máis que berre, e inútil. Pero non só é a neta, o avó _ como dicimos en Palmeira _ tal para cal, maragota e media.
    Prometéronme que mirarían máis pola casa que por Fenosa pero, aquela foi una promesa baleira. Agora dende que estamos vacinados, a neta está outra vez aquí con nós, e cada rincón da casa semella a navidade. Esta vez en lugar da promesa vou a pedirlles un solemne xuramento. Ainda que estou segura de que será o mesmo. Acábame de chegar á cabeza aquel cartel que rezaba nas portas do inferno de Dante: “ABANDONA TODA ESPERANZA”.

    Moitos biquiños, querida Marina.
    Da gusto lerte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *