Galicia e os galegos na poesía castelá CXLVII. Ernesto López-Parra

imagenes-iluminadasRomán Arén. Xa teño escrito neste café sobre López Parra, definíndoo como “ultraísta”, é dicir, como membro das primeiras vangardas españolas (1918-1924), pero foi un poeta “ex comungado” polos seus colegas por ter reincidido no “modernismo” ao editar a peza teatral País de abanico en 1921. Malia iso, com0pilou os seus poemas máis vangardistas no libro La Imagen Iluminada en 1929. Mais agora, mercé ao labor realizado por Pablo Rojas, sabemos que, realmente, López-Parra foi catro poetas: un orixinalmente posmodernista (Poemas del Bien y del Mal, 1920), un ultraísta, un poeta comprometido (Auroras rojas, 1936) e un poeta carcerario. Todas estas direccións poéticas podemos agora desfrutalas grazas á reedición de Imágenes iluminadas (Sevilla, Ulises, 2020), que, como indica o subtítulo, é unha escolma que abrangue dende 1916 a 1941. Leva un bo prólogo do profesor Rojas, quen xa adicara unha monografía do autor, Ernesto López-Parra, el ultraísta remolón, en 2006. Nos últimos anos os estudos e as reedicións de ultraístas (Vando Villar, Sureda, Guillermo de Torre…) van en aumento, e abraia que o galego máis importante deste movemento, Euxenio Montes, non merecera máis atención e contaramos cunha edición da súa poesía castelá; a súa poesía galega leva sen reeditar dende 1982, cando o fixera Rof Carballo, quitando o traballo de Antón Capelán que reunira nun ensaio para unha revista, unha vintena, esparexida na prensa, dos seus poemas galegos. Quizais a súa militancia falanxista teña influído neste desleixo, así como o abandono da literatura galega dende os anos trinta.

Xustamente a Euxenio Montes está adicado o poema vangardista “El globo eléctrico”: “A mi querido amigo Eugenio Montes, con toda mi admiración”, con versos coma estes:

ernesto-lopez-parra1“Se deshiela Octubre/en flecos de agua de cristal…/Una sola nube enorme cubre/todo el FANAL…/Las gotas cuelgan de las nubes bajas/-¡Los pendientes de perlas de la tarde!-/Timbales de cristal…Polillos de las cajas/de los tambores de cemento”.

Os poemas vangardistas son malos de transcribir así, porque a disposición visual da páxina é fundamental para o seu logro poético.

Pero esta antoloxía contén outro poema máis convencional, “Galicia!, parte da serie “Friso español”:

Corazones de nieblas, cargados de pesares/que sueñan en los campos al solpor de la ría…/El hórreo, la panera, los humildes hogares/salpicando de blanco, la llanura vacía./Pinceladas de mansas vacas, entre pinares…/Bermellones de ocaso, junto a una luna fría/que borda de incipientes jazmines estelares/el azul cañamazo de la tarde sombría./El llanto de una gaita con eco de cantares/divinos y románticos, tiembla en la lejanía./Vela el lucero véspero la paz de los henares./¡Oh morriña saudosa, de íntima melodía./Verdes valles galaicos, hermosos pomares/que han cantado en sus versos, Curros y Rosalía…

O soneto en alexandrinos reúne todos os temas galegos: gaita, hórreo, palleiro, néboa, vaca, Rosalía…, pero logra bos versos posmodernistas no segundo cuarteto. Aos que lles abraie a “llanura vacía” que pensen na Terra Cha.

López-Parra, que nacera en Talavera de la Reina en 1895, foi outra vítima máis do franquismo; militante de Izquierda Republicana, foi condenado a morte, pena que lle conmutou por cadea perpetua, pero faleceu de tuberculose contraída na cadea en 1941, no penal de Ocaña. Un caso parecido ao de Miguel Hernández. Pablo Rojas ofrece outro dato interesante: Ángel María de Lera, bo narrador realista e bastante esquecido, converteuno en personaxe da súa novela La noche sin riberas (1978).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *